O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou no acto de clausura que coas Xornadas Ribadeo contribúe á historia do Camiño de Santiago
Ribadeo. Domingo, 3 de decembro de 2023. O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, puxeron este mediodía o punto final ás XVIII Xornadas Mar por Medio destacando os vínculos e o compromiso da localidade co Camiño de Santiago e anunciando que este programa de conferencias e actos divulgativos, nacido a comezos dos anos 90 e recuperado o ano pasado tras un longo parón, terá continuidade en futuras edicións. “Garantimos que van seguir as Xornadas”, asegurou o rexedor ribadense tras agradecer o traballo da Academia Xacobea, da concelleira Begoña Sanjurjo e do resto do seu equipo e dos traballadores municipais, así como a colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación, “e sobre todo da Xunta e do seu conselleiro Román Rodríguez”. Daniel Vega explicou que desde Ribadeo queren enviar a mensaxe de que hai que “conservar, coidar, mimar e seguir apostando polo Camiño de Santiago. Non hai que falar do Camiño só cando hai Xacobeo, hai que facer unha pedagoxía constante e esa é unha responsabilidade de todas as administracións”.
En similares termos expresouse o conselleiro de Cultura ao sinalar que “o Camiño é un dos símbolos de identidade máis importantes de Galicia, un elemento que nos articula, unha experiencia que nos enriquece, un valor do que temos que estar orgullosos e que, como di o alcalde, temos que coidar”. Román Rodríguez explicou tamén que coas Xornadas Mar por Medio “unha vila fermosa, atractiva e con gran historia como Ribadeo contribúe á historia do Camiño” e destacou que a localización das Xornadas é perfecta “porque aquí esta una das portas dunha das rutas Patrimonio da Humanidade como é o Camiño do Norte”. O conselleiro concluíu a súa intervención apuntando que “todo o que fagamos por potenciar o Camiño interésanos aos galegos porque supón potenciarnos a nós mesmos facéndoo ademais co mellor que temos: a nosa historia, o noso patrimonio, a nosa cultura, a nosa paisaxe, a nosa gastronomía e a nosa Universidade. Todo o moito e bo que temos”.
“Para que as Xornadas se puidesen desenvolver con éxito foi necesaria a colaboración da Xunta e do Concello e do seu alcalde, da USC e da Deputación, e quero destacar tamén a colaboración da concelleira Begoña Sanjurjo e de Manuel Valín”, expresou pola súa banda Xesús Palmou, quen destacou tamén o “extraordinario nivel de todos os conferenciantes” e mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento das Xornadas. O presidente da Academia Xacobea sinalou que esta foi a edición da súa consolidación e mostrou o seu convencemento de que as Xornadas terán continuidade nos próximos anos para seguir así, desde unha localidade transcendental do Camiño, traballando por cumprir o “obxectivo da promoción e a difusión do Camiño de Santiago e dos valores que xurdiron ao longo da peregrinación e que hoxe están presentes na civilización europea”.
O acto de clausura deste mediodía puxo o final a unha última sesión de conferencias que permitiu ao público congregado no auditorio Hernán Naval seguir as intervencións de expertos e especialistas en distintos ámbitos xacobeos como o catedrático da USC Rubén Lois, os xornalistas Xosé María García Palmeiro e Elena Goyanes Vilar, e o catedrático emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, John Rutherford.























Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



