Comprométese a liderar un goberno que traballe polo futuro do sector do mar con medidas para protexer a costa, recuperar a rías e evitar os vertidos contaminantes
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro, 2024. A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, acusou a candidato do PP, Alfonso Rueda, de non escoitar “o clamor” da xente do mar que se mobilizou este domingo en Santiago nunha auténtica “marea de dignidade” en defensa do sector e contra a xestión que está facendo o PP na crise da marea plástica.
“A mentira, a manipulación e a incompetencia está sendo a carta de presentación do PP nesta crisis”, asegurou Pontón, que considerou “unha falta de respecto” e “un insulto á intelixencia” dos cidadáns que se mobilizaron en defensa do noso mar a valoración que sobre a manifestación fixo Rueda.
Pontón advertiu que a crise dos pellets é “a pinga que colmou o vaso dun sector que leva sufrindo quince anos de abandono do PP”, un sector que nos últimos tempos veu como perderon 700 embarcacións e 5.000 empregos, e que sufre ademais unha “caída brutal” na produtividade das rías, destacou.
“O verdadeiro ataque ao noso mar é un goberno que non escoita o clamor da súa xente, que abandonou o sector, un goberno que permite o vertido de auga contaminante da mina de San Finx á ría Muros-Noia, o goberno que non é capaz de coidar e rexenerar as nosas rías, o que diante dunha crise como a da marea plástica non se pon á fronte para dar solucións e alternativas”, declarou.
A candidata nacionalista comprometeuse a ser “a presidenta que se poña do lado da xente do mar e lle dea futuro a un sector fundamental na economía galega” e para iso anunciou que, se os galegos e as galegas lle dan a oportunidade de liderar o próximo goberno da Xunta, reclamará ao Estado a transferencia de todas as competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña.
Co BNG na Xunta porase en marcha ademais un plan de recuperación e rexeneración das rías e os bancos marisqueiros, e medidas para eliminar e evitar os vertidos ao mar. “Quero ser a presidenta que lle dea futuro ao sector do mar”, subliñou.
Destacou, neste sentido, que a maioría social que quere cambio ten no 18-F unha oportunidade para facer historia, un cambio de ciclo que depende dun “puñado de votos”, asegurou botando man das palabras utilizadas esta fin de semana por Feijóo. “Por fin o PP dixo unha verdade: un puñado de votos poden cambiar a historia deste País”, asegurou, apelando á mobilización masiva e á concentración no BNG do voto de todos os galegos e as galegas que queren cambio.
“O cambio vaise decidir por uns poucos votos” e por iso é clave o apoio ao BNG, como única forza capaz de disputarlle a Presidencia ao PP, remachou.



















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



