A Rede Museística repartirá láminas cunha ilustración de Sandra Lodi e caraveis entre os visitantes dos catro museos durante toda a xornada
Lugo, 20 de febreiro de 2024. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa unha ampla programación cultural coincidindo co Dia de Rosalía de Castro, que se celebra o 23 de febreiro e no que este ano se celebra o 187 aniversario do nacemento da autora.
A axenda de actividades na que conflúen a música, artes plásticas e a palabra ten como data central o venres co festival “As literatas para Rosalía de Castro”, con actuacións de MJ Pérez, Antía Muíño e Belém Tajes, e un reparto de láminas conmemorativas nos museos da Rede Museística Provincial de Lugo, e continúa ao longo do ano coa realización de murais homenaxe á poeta nacional nunha decena de espazos públicos da provincia.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “un ano máis desde a área de Cultura promovemos unha ampla programación que convida a achegarse á figura e a obra de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, reivindicando o seu papel como referente cultural e feminista” e destacou “a colaboración de distintas institucións, desde os museos provincias, ata a Universidade e os centros educativos nas actividades, que comezan o 23 pero que se prolongarán ao longo do ano, contribuíndo a socializar a figura de Rosalía de Castro”.
“As literatas para Rosalía de Castro”
A creación e a produción musical galega e feminina protagonizan o cartel da xornada musical “As literatas para Rosalía de Castro”, referenciado no artigo “Las literatas”, publicado en Almanaque de Galicia no 1866 no que Rosalía de Castro denuncia os prexuízos sociais que dificultan que as mulleres se dediquen a tarefa literaria.
Belém Tajes, Antía Muíño e MJ Pérez interpretarán as súas composicións a partir das 19 horas na Praza de Santa María – ou na Capela de Santa María, en caso de choiva-. As actuacións contan contan coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo
Belém Tajes
Cantante, compositora e especialista en musicoterapia, Belém Tajes comezou tocando e cantando en agrupacións tradicionais e aprendendo tamén das cantigas das súas avoas. Estudou violoncello no Conservatorio da Coruña e tamén gaita, na Escola de Música de Oleiros e no Conservatorio de Carballo. Formouse en maxisterio musical e estivo dando clases a crianzas ata que, en 2017, comezou a traballar con Luar na Lubre na xira do 30 aniversario. Ten participado en varias formacións musicais como cantora e percusionista e representou a Galiza no proxecto Tosta Cultural Cargo, sobre linguas minorizadas do atlántico norte. Gracias a este proxecto estivo recollendo cantos tradicionais do oeste irlandés e, na actualidade, lidera un proxecto de seu, Vudú, galardoado cun Premio Martín Códax e cun Premio Opinión de Músicas de Raíz.
Antía Muíño
O jazz, a canción de autor ou a música tradicional galega son algúns dos xéneros nos que se pode escoitar a esta cantautora compostelá con sons esencialmente acústicos. Comezou na música co folclore tradicional para dar o salto anos máis tarde á guitarra clásica, estudándoa hasta facer o grao superior en Musikene, en San Sebastián. O traballo de Antía Muíño está moi ligado á poesía, á lírica tradicional, ao jazz libre e á sensualidade da bossa nova.
MJ Pérez
En 2014 MJ Pérez arrancou o seu percorrido para converterse nunha das voces da música galega actual. Conta con catro álbums e acumula máis de 150 concertos que lle permitiron desenvolver a súa faceta musical que, grazas á formación, conta cunha gran presenza do audiovisual nos seus traballos. Coincidindo co día de Rosalía , en 2019, xuntou a Rosalía de Castro e á cantante catalá Rosalía en Malaxente, un vídeo no que MJ canta fusionando o poema “Castellanos de Castilla” co tema “Malamente”.
Caraveis e láminas na Rede Museística
Durante toda a xornada e como xa vén sendo habitual, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán ás visitas un caravel e unha lámina conmemorativa cun deseño da ilustradora Sandra Lodi, acompañado dos versos do popular poema “Alborada” (Cantares Galegos, 1863)
A ilustradora destacou que se trata dun deseño que “busca dar a imaxe de Rosalía como muller forte e ruda, quitando o romanticismo e demostrando como influíu nas mulleres galegas do rural e nas xeracións presentes e vindeiras, destacando o valor do seu traballo polo lingua e os dereitos das mulleres”.
Tamén o venres 23 de febreiro ás 19:00 horas, o Museo Provincial de Lugo acollerá o “Encontro de saberes arredor de Rosalía de Castro”, no que a profesora honoraria da UDC e sociolingüísta Pilar García Negro e a profesora de Lingua e Literatura Galega da mesma universidade e especialista en literatura e xénero Mª do Carme Fernández Pérez Sanjulián, especialistas en literatura e xénero, debaterán sobre a figura de Rosalía de Castro.
O diálogo artellarase a partir da proposta temática “Intrahistorias de A las orillas del Sar, El primer loco e o patrimonio documental e artístico do Pazo de Tor”, que relaciona o patrimonio e a historia do Pazo de Tor con temáticas presentes na obra de Rosalía de Castro como a loucura ou a defensa ecolóxica da carballeira de Conxo fronte a un poder foráneo.
Outras actividades
Co obxectivo de poñer en valor a obra e figura de Rosalía, ao longo do ano, a área de Cultura promoverá a realización de murais homenaxe en centros educativos e outros espazos públicos a cargo de muralistas e artistas de toda Galiza.
En total, impulsaranse unha decena de intervencións artísticas, dando continuidade á iniciativa desenvolvida nos catros últimos anos, que plasmou a figura de Rosalía de Castro en máis de medio cento de espazos públicos.



















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



