O acondicionamento desta vía autonómica terá unha segunda fase, entre os concellos de Muras e de Xermade, acadando un investimento global de 15 M€
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2024. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu 11 ofertas para executar as obras da 1ª fase de mellora da capacidade e da seguridade da estrada LU-540 entre Viveiro e Cabreiros, no treito situado entre os quilómetros 5 e 20+090, ao paso polos municipios de Viveiro e de Ourol.
Das 11 ofertas presentadas para executar estas obras, 6 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 17 empresas.
O investimento global da intervención ascende a máis de 8,2 M€, tendo conta o pagamento dos 146 predios precisos para executar esta primeira fase de aumento da capacidade da LU-540.
O obxectivo da Xunta é iniciar a finais deste verán a execución dos traballos de acondicionamento dos case 15 quilómetros deste treito da vía autonómica, en sentido Viveiro-Lugo. Os traballos contan cun prazo de execución de 24 meses.
Neste momento, o treito interurbano da estrada LU-540, a partir do punto quilométrico 5, unha vez pasado Landrove, presenta unha alta porcentaxe de prohibición de adiantamento, dun 73% en sentido Lugo e dun 83% en sentido Viveiro, e ten curvas de radio reducido.
As obras obxecto deste contrato reducirán o tempo de viaxe e aumentarán a seguridade no traxecto entre Viveiro e Lugo con carrís de adiantamento, rectificación de curvas, reforma de interseccións e renovación do firme de todo o treito. Esta intervención fará posible que en todo o trazado se permita circular a 90 km/h.
Máis en concreto, a intervención máis intensa realizarase no treito inicial da vía, entre os quilómetros 5 e 8, cun acondicionamento integral da vía que incluirá a ampliación da calzada, a dotación de terceiro carril e a rectificación das curvas, pasando dun radio mínimo de 70 metros a un de 120 metros.
Ademais, nesta intervención incluirase un cambio de sentido na marxe esquerda do punto quilométrico 6+000 e repoñeranse os camiños de servizo afectados.
Arredor do punto 10+300, acometerase a mellora da intersección, en ambas as marxes, pasando de estar enfrontadas a aumentar a distancia entre elas, para habilitar carrís centrais para as dúas.
Na contorna do punto quilométrico 14+000, disporase un carril adicional de adiantamento e mellorarase a intersección que dá acceso ao núcleo de Ourol.
Ademais, aumentarase a capacidade da vía en sentido Viveiro-Lugo, á altura do punto quilométrico 16+000, coa implantación dun carril para vehículos rápidos, e mellorarase a seguridade viaria na intersección do quilómetro 15+750, incluíndose a reposición de camiños.
Esta intervención completarase co reforzo do firme, que implicará o fresado nas zonas máis danadas e a reposición da capa de rodaxe nos preto de 15 quilómetros da actuación.
A contratación desta obra supón o inicio da mellora da capacidade e da seguridade desta vía autonómica, que se desenvolverá en dúas fases, tras terse aprobado no Consello da Xunta do pasado 25 de xaneiro o proxecto de trazado na LU-540, entre Viveiro e Cabreiros, que suporá un investimento global de 15 M€.
No que se refire á segunda fase do proxecto, os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 20+090 e o 39+520, nos concellos de Muras e de Xermade.
Neste treito, as actuacións centraranse no aumento da capacidade da vía nalgúns tramos en rampla, mediante a incorporación dun carril adicional para vehículos rápidos, reducindo a distancia entre os treitos de adiantamento contiguos.
A Xunta segue avanzando nos obxectivos da actuación de reforzar a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Chá, mellorar a seguridade viaria dos condutores e ofrecerlles aos veciños desprazamentos máis cómodos e eficientes.






















A representación terá lugar este sábado día 18, ás 19:30 horas, no local social da Asociación de Veciños de Marzán, un dos destinos habituais nas xiras anuais da compañía. O Centiño mantén así a tradición de visitar este espazo, onde agarda compartir co público unha tarde divertida e chea de humor. A agrupación teatral continúa así coa difusión da súa nova obra, que segue a percorrer diferentes escenarios da comarca.
Dezaoito locais hostaleiros de Ribadeo, Rinlo e Vilaframil ofrecerán diversas preparacións ata o vindeiro domingo: en escabeche, en salpicón, en empanada, ao allo, á prancha, en albóndega, etc… Todas as propostas poden consultarse nas redes sociais de Acisa Ribadeo, que agradece “unha vez máis o apoio da OPP do Porto de Burela, que nos doou 90 quilos de cabala para estas xornadas, produto que entregamos de xeito gratuíto aos locais participantes. Achegámoslles así unha parte do peixe que empregarán nesta nova cita gastronómica na que tamén colabora o Concello de Ribadeo”. Ata o porto, ao restaurante Marinero, se achegaron este mediodía o director territorial da Consellería de Mar, Alexandre Piñeiro, as concelleiras ribadenses Montse Seijo, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente do colectivo empresarial, Jesús Pérez, e o técnico de Acisa, Jorge Fernández, que puideron degustar as elaboracións realizadas por este establecemento hostaleiro.
Durante a xornada Lionel compartirá a súa experiencia no mundo da escrita, dando a coñecer os seus procesos creativos e as temáticas que caracterizan os seus libros. O acto incluirá un coloquio participativo cos asistentes do club onde poderán preguntar e intercambiar opinións co autor sobre o libro lido “A raíña das velutinas”.
O sábado terá lugar no Casino o III Showcooking, con cociña en directo e maridaxe de viños. O público poderá votar os seus pinchos favoritos e participar no sorteo dunha noite no hotel Marqués de Riscal. A entrega de premios será o luns 20 ás 19:00 h. O Concello e Destino Navia animan a veciños e visitantes a gozar desta cita gastronómica.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
As persoas interesadas poden anotarse ata o 24 de abril na Casa do Concello (Cervo) ou na Casa da Cultura (San Cibrao). A actividade está dirixida a persoas pensionistas empadroadas no municipio. Trátase dunha xornada pensada para compartir, celebrar e desfrutar en comunidade.



