Dende que existe o Foro da Toxa (2019) constitúe marca da casa, alén da falla de respecto pola lexislación toponímica galega, a definición duns relatorios nos que, no canto de tentar reflectir o pluralismo social e político da Galicia, do Estado e de Portugal, convídanse sistematicamente persoeiros vencellados a unha escolla política moi concreta: a defensa da Monarquía, de España como Esrado-Nación e a intanxibilidade da Constitución de 1978.
O Foro di defender os valores da democracia liberal, mais esquece sistematicamente convidar persoeiros non aliñados co PP ou co PSOE (e destes sempre se convida ás persoas máis próximas ás teses inmobilistas de Felipe González, Alfonso Guerra et alter). Como esquece a forza relativa dos soberanismos catalán, vasco e valenciano, a pertenza dun terzo dos deputados galegos ao soberanismo do BNG e máis a existencia dunha esquerda estatal allea ao PSOE. Para máis os relatores e organizadores, mallando ano a ano (e xa van seis) na súa ilegalidade toponímica, non reflicten nos temas elixidos nin nos seus relatores a pertenza da Toxa a un país chamado Galicia cunha identidade lingüística e cultural de noso e cunha especificidade social e económica ben definida. Organízase o Foro na Toxa como se podería ter organizado na Castellana de Madrid ou na praia de Marbella.
Fóra dos convidados institucionais son sempre omnipresentes no Foro Núñez Feijóo, Mariano Rajoy e Felipe González. Nesta edición de 2024, Felipe González defendeu unha reforma constitucional (“reseteo” definiuna) para garantir a integridade territorial de España como “Estado-Nación”, mentres Rajoy defendeu o bipartidismo PP-PSOE (nidiamente o bipartidismo dinástico) como a fórmula de representación cidadá máis democrática e operativa. Dous Presidentes que amorean 20 anos de exercicio (28 se lle engadimos o aznarato) exclúen do sistema millóns de cidadáns do Estado que acreditan na súa fomulación plurinacional ou que escollen opcións estatais alleas a este bipartidismo ou nacionalistas, soberanistas ou mesmo territoriais, vetando calquera evolución democrática cara esa plurinacionalidade ou cara ao afondamento nas liberdades e valores democráticos que di defender o devandito Foro.
A mensaxe é ben clariña. Hai persoas que pensan e votan ben e outras que pensan e votan revirado. O marco xurídico-político é irreformábel se non é para garantir aínda meirandes graos de desaxuste coas novas realidades e preocupacións da cidadanía. E, por riba de todo, reflíctese que só hai un discurso político correcto e respectábel ao que compre se acheguen todos os actores políticos, sociais e mediáticos, baixo ameaza de ser considerados perigosos antisistema ou, cando menos, persoas e organizacións non dignas de creto nin de confianza.
O discurso político único que leva desenvolvendo dende 2019 o Foro da Toxa descoñece o pluralismo nacional, social e político do Estado español e a identidade propia de Galicia, afastando do foco e do debate as opinións democráticas que non coinciden coas súas teses inmobilistas a respecto da convivencia nunha España que xa non existe como a pensan estes que din defendela.























Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



