A parálise institucional domina Viveiro dende hai seis meses, coa alianza PP-Por Viveiro convertida nun acordo que non se vai cumprir: o pacto do engano.
Un acordo nacido á desesperada por conseguir a alcaldía, con Mariña Gueimunde pactando con Bernardo Fraga malia a súa inestabilidade ideolóxica: primeiro tiña uns principios, pero logo cambiounos sen vacilar, ao máis puro estilo Groucho Marx.
No acordo asinado —co suposto “respaldo da Xunta de Galiza”— prometíase a licitación do tramo Area-Arredoada da VAP Costa Norte en dous anos, e tamén o PXOM. Mais hai uns días, a Xunta respondeu no Parlamento ao BNG que non fará ese corredor ata que o Estado execute a A-74. Como? Non era que había compromiso co proxecto? Non viñan PP e Por Viveiro con solucións para Viveiro? Agora sabemos que o compromiso era papel mollado. A Xunta desdise e lávase as mans. E a pregunta é inevitable: a que xogan Mariña Gueimunde e Bernardo Fraga?
Co PXOM pasa igual: moito anuncio e ningunha certeza de que se vaia cumprir neste mandato.
O actual des-goberno bicefálico —termo que tanto lle gustaba á alcaldesa cando estaba na oposición— non ten dúas cabezas pensantes, senón dúas presenzas sen rumbo. Nin Gueimunde nin Fraga semellan estar á altura do que venderon á veciñanza.
Fraga dixo que lle daría os clásicos “100 días de graza” á rexedora. O problema é que xa pasaron 222 días, e máis que graza, isto provoca preocupación. E, aínda sabendo que o pacto non se vai cumprir, Fraga continúa calado. Ou peor: cando fala, semella un guiñol repetindo o discurso da ventrílocua Gueimunde, como no pleno sobre o verquido de purín no Landro, onde por certo, non se respondeu a ningunha das 11 preguntas do BNG.
E despois desa intervención, non puiden evitar preguntarme: por que Fraga agora actúa con tanto servilismo ao PP? Sen entrar a gobernar, e sabendo que o pacto non se vai cumprir? A min, aparte do purín, hai algo máis que me cheira mal.
Como concelleira, sinto mágoa e vergoña de presenciar este teatrillo que teñen montado desde as eleccións de 2023. A veciñanza de Viveiro non o merece. Cambiouse o goberno, pero hai cero respostas, cero avances e, sobre todo, cero liderado. Iso si: miles de euros destinados á autopromoción da alcaldesa —que non á de Viveiro—, pagados con cartos públicos a unha amizade do PP. Quizais Gueimunde confunde o liderado con algo ben distinto. Que cadaquén saque as súas conclusións.
E por se fose pouco, o PP xa acumula máis de 37.000 euros en facturas tramitadas sen seguir procedementos adecuados. Ao BNG, de momento, ninguén nos pode acusar diso.
Ao contrario: demostramos que outra forma de gobernar é posible, con proxectos reais e honestidade. Porén, fóisenos retirado o apoio sen fundamento, a cambio dun pacto de conveniencia que xa amosa todas as súas eivas e que, segundo a propia Xunta, non se vai cumprir.
O que nos queda é un Concello sen dirección, cun acordo que parece máis un engano electoral ca un proxecto real de goberno. E unha alcaldesa que só aparece nas fotos rezando para que o avance de Viveiro chegue por intercesión divina, xa que a Xunta deixou moi claro —unha vez máis— que Viveiro non está nas súas prioridades.
Iria Cotelo Cociña
Concelleira do BNG de Viveiro

























Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.
O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



