Nestes presentes tempos, onde a polarización, a desinformación programada, o ruído mediático, as invasións, os aranceis e toda a verba cultivada no peorciño da raza humana se intensifican, non podemos máis que constatar a permeabilidade desta tendencia no ámbito que nos ocupa.
Como representante de SATSE, primeira forza sindical na Mesa Negociadora da Sanidade Pública en España, non podo máis que trasladar a profunda decepción e crónica amargura das enfermeiras ante certas manifestacións do colectivo médico durante as súas lexítimas xornadas de folga. Nelas chegan a trasladarlle á poboación que protestan, entre outras cousas, porque se pretende clasificar as enfermeiras e fisioterapeutas no grupo A, e iso semella ser —segundo afirman— un insulto ao seu orgullo….
Por certo que este debate sobre A1 o A2 pode quedar obsoleto en moi pouco tempo, si sae adiante o novo Estatuto Marco de todo o persoal da sanidade pública, xa que a nova clasificación diferenciará a cada profesión ou colectivo sanitario en función do nivel da titulación que se lle esixa para o acceso a súa categoría, e, por tanto, os nosos compañeiros médicos deixarán de correr o risco de “contaminarse” coas profesionais de enfermería.
As organizacións médicas sabeno pero prefiren alentar interesadamente un presunto conflito coas enfermeras para poder dar osíxeno a súa decaída folga.
Pero non nos distraiamos, dende hai máis de 40 anos, as enfermeiras vimos acadando grandes logros no avance da nosa profesión, sempre en aras dun maior benestar e dunha mellor saúde para a poboación, sen menoscabar outras profesións dos equipos sanitarios. O desenvolvemento académico, coa lóxica e traballosa adaptación ao marco europeo da nosa titulación universitaria de Grao, xunto co impulso das especialidades e das titulacións de Posgrao como Máster e Doutoramento, son fiel reflexo do duro traballo das compañeiras e das administracións implicadas. Todo isto, malia os continuos obstáculos de certos colectivos e corporativismos médicos, que desde o 2007 levan bloqueando o noso xusto recoñecemento laboral como persoal A, en igualdade con psicólogos, biólogos, médicos ou físicos, profesións que contan exactamente cos mesmos anos de formación universitaria que as enfermeiras e enfermeiros.
É certo que o noso avance, lóxico e constante, baseado na evidencia científica e apoiado pola satisfacción da cidadanía —a enfermaría continúa a ser a profesión sanitaria mellor valorada no Barómetro Sanitario Estatal—, ten un elevado custe debido aos continuos lastres e ataques furibundos, case sempre dos mesmos. Moitos titulados de bata branca e mente en branco e negro pretenden perpetuar unha enfermaría subxugada e domesticada, de cofia e pasar o ferro á bata do “señoro”, dependente e displicente, que acate e aplique. Pois ben: a enfermaría leva anos dicindo ¡basta!, iso si, coa nosa elegancia natural e sempre co paciente e coa poboación como base do noso rebulir existencial.
Fan falla boas tragadeiras para soportar certas manifestacións nestes días de folga médica, onde —para SATSE— o seu lexítimo dereito non pode nin debe valer para pisar o noso. Pretenden convencer á poboación de que é perigoso e indecente que as enfermeiras poidan ser clasificadas no nivel que lles corresponde. Pois si: as enfermeiras e fisioterapeutas debemos ser catalogadas así na función pública. Desde o 2007 lévannos roubando ese dereito, que xa gozan psicólogos e biólogos, titulados igualmente con catro anos de formación como mínimo. Loxicamente, a nosa pretensión non é cobrar o salario dun médico: para iso existen distintos conceptos retributivos que diferencian as categorías profesionais na administración.
As enfermeiras somos defensoras plenas do dereito universal á saúde no eido do Sistema Público. Compañeiras con doutoramentos e posgraos accederon a postos de alta xestión, malia as continuas denuncias dalgúns colectivos médicos, porque podemos e porque aportamos un gran valor engadido, grazas ao noso coñeecemento holístico do ser humano. Xestionamos recursos desde o primeiro minuto tras sair da Facultade, as 24 horas, con escaso recoñecemento, mentres outros descansan nos seus dormitorios durante as súas duras gardas.
Enfermeiras e Fisioterapeutas loitamos e acadamos altas cotas de coñecemento e recoñecemento académico, investindo tempo e cartos, e afrontando serias dificultades para publicar os nosos estudos, xa que corporacións farmacéuticas e lobbies sanitarios continúan a parasitar o sistema e a favorecer a difusión de estudos doutras categorías con maior querenza polo poder. Nós non xogamos a ser médicos nin queremos selo: o noso ADN é propio e único. Defendemos o traballo en equipo e defendemos tamén leis e acordos de amplo consenso, onde todas as profesións teñen cabida neste ecosistema sanitario. Un Estatuto para todas, unha Lei de Ordenación para todas, unha Lei de Sanidade para todas.
Seguir a dinamitar o sistema, para SATSE, é perigoso e indecente, especialmente cando observamos con preocupación o avance do Sistema Privado Sanitario, onde todos sabemos que a atención sanitaria que prestan está tamén condicionada pola obtención de unha rendabilidade económica. Ese sistema privado nútrese principalmente de profesionais médicos formados no público con recursos públicos, onde poden “redondear” de xeito notable as súas retribucións grazas as facilidades que contan respecto ao cumprimento da súa xornada na sanidade pública. Isto ademáis coa complicidade de administracións que permiten e promoven compatibilidades incluso a xefes de servizo. Cando a legalidade se estira tanto, a ética escurece.
Estes arroutos de certos colectivos, que pretenden medrar en detrimento de enfermeiras e fisioterapeutas, non poden ma´is que lembrarnos aquel berro dun xogador de fútbol portugués, tan pretencioso e vaidoso: “A pluuusssss!”. Curiosamente, non mostraron tal malestar coa inclusión de titulacións que xa gozan de categoría A1 —como psicólogos ou biólogos— coa mesma carga lectiva ca nós.
Resulta especialmente rechamante, por poñer un exemplo, que non lles incomode que agora mesmo na atención primaria traballen enfermeiras especialistas (catro anos de grao, un de preparación EIR e dous de especialidade) xunto con médicos “pre-95” (cinco anos), mentres a enfermeira continúa sendo A2 “de segunda”, e o médico “de primeira”, A1.
Desde hai anos, aínda que ás veces pareza que calamos, enfermeiras e fisioterapeutas non dicimos que chove. Ante a adversidade, medramos e aprendemos. E malia que a presión asistencial e a infradotación recoñeecida nos resten enerxía, non nos restan ganas nin coraxe para seguir reivindicando firmemente o que nos pertence por lei e por xustiza. Facémolo con respecto e sen menoscabar ningunha outra profesión compañeira, porque así somos nós.
Manuel Fariñas Álvarez
Secretario Autonómico Acción Sindical Sindicato de Enfermería SATSE


















A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
A mostra, aberta na sala de exposicións do Auditorio Municipal de luns a venres entre as 18:00 e as 22:00 horas, reúne preto de 30 obras de artistas emerxentes e consolidados, ofrecendo diversas miradas sobre a paisaxe, a identidade, a memoria e a realidade contemporánea. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou o valor de que Vilalba forme parte desta programación compartida e o impacto positivo que supón para a actividade cultural local.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A saída será ás 10:00 desde El Bao, con autobuses ás 9:00 desde Navia, e a chegada arredor das 16:30 seguida dunha festa na dársena. As inscricións estarán abertas do 31 de maio ao 12 de xuño na Casa do Deporte ou en liña por 7 €. O Concello anima a participar nesta cita que combina natureza, deporte e convivencia.



