Pregunta a Rueda: “Quere valerse dun suposto acosador sexual para chegar á Deputación de Lugo?”
Santiago de Compostela, 17 decembro 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, instou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, a escoitar o clamor social e dar carpetazo á bomba ambiental de Altri, que “é o que lle está pedindo a cidadanía” ao respecto dunha macrocelulosa contaminante “que está poñendo en risco o río Ulla, a ría de Arousa e miles de postos de traballo”, remarcou.
“Vai vostede darlle carpetazo definitivo a esa macrocelulosa, si ou non?”, cuestionou a Rueda nunha sesión de control na que lle pediu que escoite aos miles de galegos e galegas que o pasado domingo en Santiago “lle volveron dicir nunha masiva mobilización Galiza si, Altri non”.
Miles de galegos e galegas, remarcou, que lle volveron recordar ao titular do Executivo que “a vida da xente do rural e da xente do mar é máis importante que a conta de resultados dunha empresa portuguesa” e que non se pode converter o monte galego “nun gran eucaliptal”. “A cuestión é se vostede vai escoitar aos galegos e ás galegas ou vai seguir de comercial de Altri”, interpelou.
Pontón pediu a Rueda que “non se esconda detrás dos técnicos” -aos que por certo cambia cando non lle dan a razón para poñer, por exemplo, a excargos do PP a asinar os informes que xa tiñan elaborados- porque “todo o mundo neste País sabe que esta decisión é unha decisión política que tomou o Partido Popular antes de que houbera nin un só informe sobre a mesa”.
Un proxecto contaminante, engadiu, que exemplifica ademais por que o do PP é un “bulogoberno”, xa que presentou como unha biofábrica téxtil o que, pasadas as eleccións, se soubo que era “unha macrocelulosa capaz de poñer en risco o río Ulla e a ría de Arousa e levarse por diante miles de postos de traballo”.
A portavoz nacional tamén cuestionou ao presidente da Xunta por que está ocultando o memorándum asinado con Altri. “Que é o que ten que ocultar?”, cuestionou, para recriminarlle que “o que non pode ocultar é que goberna para as empresas amigas do Partido Popular”.
Neste sentido, recordou que a empresa portuguesa ten como socia a Greenalia, firma na que traballa a súa compañeira de partido e exconselleira, Beatriz Mato. “As portas xiratorias sempre ben engraxadas no Partido Popular”, sintetizou.
Un exemplo que non é o único de como o PP traballa para as súas empresas amigas, alegou para criticar a continuación o que está pasando co grupo Ribera Salud, propietario de Povisa e co que o Sergas ten “un acordo secreto por valor de 98 millóns de euros”.
Pontón reprochou ao titular do Executivo que non envíe ao Parlamento e oculte á cidadanía o contido deste contrato millonario, pese a saber como actúa Ribera Salud, en referencia aos audios publicados sobre a súa xestión no hospital de Torrejón de Ardoz e que desvelan que o seu obxectivo é aumentar beneficios a costa de recortar en saúde.
“Pregúntolle se pode garantir que esas prácticas non se están producindo en Povisa”, interpelou a un Rueda ao que retou a facer público o contrato millonario entre o Sergas e Povisa e a realizar unha auditoría externa para garantir que “cos cartos dos galegos e das galegas, esa empresa non está facendo negocio a costa da saúde”.
Por outra banda, a líder nacionalista aproveitou o último Pleno do ano para lanzar unha mensaxe ao conxunto da sociedade e moi especialmente ás mulleres: “Tolerancia cero ante a violencia machista, veña de onde veña e afecte a quen afecte”, proclamou en referencia aos casos coñecidos ao longo do ano no ámbito público.
“Ao longo deste 2025, coñecemos comportamentos machistas repugnantes e creo que hai que dicir sen medias tintas que a resposta que se lle deu non estivo á altura cando afectou a responsables políticos”, afondou, para recalcar que “os casos de violencia machista non poden quedar impunes” e que hai que estar “sempre do lado das mulleres”. Por iso, considerou “o feminismo máis necesario que nunca” neste contexto e fixo un chamamento a “traballar pola igualdade real, con máis convicción para que non haxa nin un só pas atrás”.
A portavoz do BNG reafirmou na súa réplica a posición de “tolerancia cero co machismo”, tal e como demostrou desde o minuto cero no caso do dimitido presidente da Deputación de Lugo e criticou a Rueda que pretendese dar leccións de feminismo cando “durante meses tivo sentado ao seu carón no Consello da Xunta a un conselleiro que sabía que tiña unha denuncia presentada na Policía por agresión sexual”.
“A pregunta que ten vostede que responder é se quere valerse dun suposto acosador sexual para chegar á Deputación de Lugo”, cuestionou ao titular do Executivo, ao que lle recriminou que o que demostra o PP é que lle importan “un pepinillo en vinagre as mulleres”. “Non lles importan nada, o único que lles importa é o poder polo poder, ese é o seu compromiso coas mulleres”, concluíu.




















Conta con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibirán as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolle a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destaca a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Estímase que ata o domingo se acheguen a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.
O horario será o seguinte: Martes, 20 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas e de 15:15 a 18:00 horas. Mércores, 21 de outubro: de 9:00 a 13:30 horas. As persoas interesadas poden solicitar cita previa a través do teléfono 981 92 80 80 ou da páxina web
A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



