- As festas de San Ramón e Santa María 2026 de Vilalba celebraranse do 26 de agosto ao 6 de setembro cunha programación musical ampla e diversa presentada pola alcaldesa Marta Rouco e a concelleira de Cultura, Mónica González
A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.
- Karmento chega este sábado a La Conservera de Celeiro
A artista manchega, coñecida pola súa mestura de raíz tradicional e sonoridades actuais, ofrecerá un directo íntimo e cheo de forza o sábado 20 de xuño ás 22:30 horas. Será unha noite para gozar da música con calma, entre amigos, nun ambiente próximo e acolledor, onde as cancións se comparten case como se fose unha conversa arredor dunha mesa. As entradas xa están dispoñibles en woutick!, polo que se recoméndase adquirilas con antelación para non quedar sen sitio nesta cita única.
- O Cupón Diario da ONCE deixou en Foz un premio de 35.000 euros, nun cupón agraciado con esta cantidade no sorteo do mércores 17 de xuño
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
- Este sábado, 20 de xuño, celebrarase na Biblioteca Maravilhas, na Escola de Arroxo-Lourenzá, a Festa da Pintura do XX Agasallo a Luís Seoane
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
- As Festas de San Xoán de Covas celebraranse do 23 ao 26 de xuño cun programa que inclúe a tradicional lumeirada, pasarrúas, misa e procesión, sesións vermú e verbenas coas orquestras Acordes, New York, Salsarena, Capitol e Trébol
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
- Guille, Sandra e Pita proclamáronse gañadores do VIII Mus na Praia, organizado pola asociación cultural LuMus o pasado sábado en Ribadeo
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
- A Presidenta da Deputación, Carmela López, asistiu en Burela ao partido do Mundial entre España e Cabo Verde na fan zone impulsada pola institución provincial, unha xornada que reuniu milleiros de persoas con concertos, arte e competicións deportivas, e que incluíu a retransmisión do encontro nunha pantalla xigante na Praza da Mariña
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.