Méndez, García Porto e Abelleira denuncian máis listas de agarda, cero vivenda pública e proxectos estratéxicos bloqueados na provincia
Lugo, 28 de febreiro de 2026. A secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, a voceira do PSdeG na Deputación de Lugo, Pilar García Porto, e a concelleira Ana Abelleira, fixeron hoxe un balance dos dous anos de Alfonso Rueda á fronte da Xunta, que cualificaron como “dous anos perdidos para Galicia e dous anos de abandono para Lugo”.
Lara Méndez incidiu nas valoracións realizadas esta semana polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen advertiu que “nunca un presidente deixou a tantos galegos e galegas sen as súas necesidades básicas cubertas”. A deputada puxo o foco nas tres principais preocupacións da cidadanía: sanidade, vivenda e emprego. “Preto de 30.000 persoas están inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Pública, máis de 350.000 agardan por unha cita sanitaria e 42.000 galegos e galegas levan máis dun ano no paro. Ese é o balance real fronte á propaganda da Xunta”, afirmou.
En materia sanitaria denunciou que hai máis de 350.000 persoas esperando por unha cita e que en moitos centros de saúde “non hai médicos de familia suficientes”. “A sanidade pública está máis tensionada que nunca. Para que están as institucións se non é para resolver os problemas da cidadanía?”, cuestinou.
Sobre vivenda, advertiu que Galicia vive “o peor momento da súa historia en acceso á vivenda pública”. “Son dous anos de anuncios e titulares, pero nunca houbo tantas persoas sen alternativa habitacional. En Lugo a situación é insostible: levamos 17 anos sen unha soa promoción pública da Xunta. A última adxudicación foi en 2008. Ese é o compromiso real de Rueda coa cidade”.
Méndez cuestionou tamén o modelo residencial do PP. “O que propoñen non é política pública de vivenda, é masificación. É o mesmo modelo que aplican nas residencias: menos prazas públicas, máis derivación ao privado e menos dignidade”.
No plano industrial, incidiu na ausencia dunha estratexia clara por parte da Xunta: “O único modelo industrial de Rueda para Galicia foi Altri. Non hai plan industrial, non hai estratexia territorial e non hai proxecto para Lugo”.
A parlamentaria vinculou ademais o incremento das mobilizacións sociais ao desgaste do Goberno galego. “Cando hai protestas cada semana é porque algo non funciona. Hoxe estivemos nas Gándaras defendendo unha vellez digna; estivemos en Santiago reclamando máis profesorado para atender as necesidades educativas especiais; e estaremos en Baleira defendendo a atención primaria. Estas mobilizacións son o reflexo dun desgoberno que non escoita nin resolve”.
“A Rueda Lugo só lle interesa cando hai eleccións. Somos as e os socialistas quen temos que denunciar dende todas as institucións esta política de abandono: no Congreso, no Senado, no Parlamento de Galicia, na Deputación e nos concellos”.
Pola súa banda, Pilar García Porto puxo o foco no incumprimento dos compromisos adquiridos coa provincia hai dous anos, tras a reunión mantida entre a Deputación e Alfonso Rueda. “Dous anos despois daquela primeira xuntanza, Lugo segue exactamente igual. Non hai avances, non hai proxectos executados e non hai resultados”.
En materia de infraestruturas, denunciou as “débedas históricas” que a Xunta ten con Lugo. “A Ronda Leste continúa sen avanzar, a estrada do Courel segue sen un arranxo integral, o desdobramento da autovía Nadela-Monforte nin está nin se lle espera, e a variante de Viveiro pasou de ser unha vía de altas prestacións a converterse nunha simple pista asfaltada. Ese é o modelo de Rueda: rebaixar proxectos e vender anuncios”.
En sanidade advertiu que a provincia atravesa “un dos peores momentos da súa historia recente”. “Hai máis reivindicacións ca nunca porque hai menos médicos e menos enfermeiras, especialmente no rural, onde vive unha poboación maior e dispersa que precisa máis atención sanitaria. Mesmo a pediatría presenta cada vez carencias máis preocupantes”.
Porto sinalou que a situación da sanidade e do Servizo de Axuda no Fogar están directamente relacionadas. “A Xunta incrementou as achegas, pero seguen sendo claramente insuficientes. Fan falta moitas máis horas de SAF das que se están financiando e as listas de agarda nos concellos son inasumibles. Os municipios están soportando unha carga económica que non lles corresponde”.
A esta realidade sumou a situación das residencias. “A Xunta segue sen crear as prazas públicas necesarias, non amplía capacidade e continúa concertando con centros privados mentres reduce recursos nas públicas. Só está pendente de abrir a residencia de Antas e seguimos acumulando problemas como os que estamos vendo nas Gándaras. Este non é un modelo que garanta dignidade”.
Porto concluíu incidindo na ausencia dun plan industrial real para a provincia. “Lugo leva anos sen unha estratexia clara de desenvolvemento económico. O único que escoitamos foi Altri, e nin sequera iso saíu adiante. Dous anos despois, seguimos sen plan e sen rumbo”.
Ana Abelleira centrou a súa intervención nos incumprimentos da Xunta coa cidade de Lugo e reclamou “compromiso real e concreción inmediata” nos proxectos estratéxicos que dependen do Goberno galego e que están a condicionar o desenvolvemento económico e o benestar da veciñanza.
A concelleira sinalou a paralización do Plan Paradai, a falta de conexión do polígono das Gándaras coa A-6 e a ausencia de avances no Museo da Romanización e na rehabilitación da Tinería. “Urxe que a Xunta deixe de anunciar e comece a executar. Lugo non pode seguir agardando”.
En materia de patrimonio, foi especialmente dura coa situación do Museo da Romanización: “Non é xa unha cuestión simbólica nin histórica, é unha cuestión de responsabilidade e seguridade. Están deixando deteriorar un edificio que non se poderá rehabilitar e haberá que reconstruílo por completo”, advertiu.
Tamén criticou o abandono do barrio da Tinería. “Non hai rehabilitación, non hai política pública de vivenda e non hai planificación. Fan fotos, pero non executan nada. O resultado é un conxunto histórico sen ningún futuro”.
Sobre o Plan Paradai, lembrou que leva máis de tres décadas pendente de execución e advertiu das consecuencias urbanísticas e ambientais da súa parálise. “Non hai garantías de servizos nin planificación real para o crecemento do Sagrado Corazón. A Xunta non pode pretender levantar vivenda sen dotacións básicas nin as infraestruturas necesarias”.
Abelleira concluíu denunciando que o modelo do PP en Lugo “non constrúe, non planifica e non resolve”, e advertiu de que a cidade “non pode seguir sendo a gran esquecida da Xunta”.










Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.
Este venres visitaron Ferrol e As Pontes, e o sábado serán os actos institucionais de benvida no concello de Ribadeo. Pola mañá será inaugurada unha placa conmemorativa da visita, e despois a recepción oficial na Casa do Concello.
Villares detallou algunhas destas accións no encontro empresarial organizado en Vilalba pola organización profesional BNI LOU VCR Breogán, un grupo de networking integrado por unha trintena de empresarios e profesionais da provincia. Entre outras, referiuse ás axudas para favorecer o establecemento dos traballadores autónomos ou para o fomento da contratación; os plans do Igape para a expansión e innovación do tecido produtivo, ou as iniciativas de formación. “Apoiar as empresas, as pemes e aos autónomos é apoiar o futuro do territorio”, afirmou.
A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.



