Viveiro, 12 de maio, 2026. O BNG de Viveiro vén de presentar alegacións ante Portos de Galicia co obxectivo de mellorar substancialmente o proxecto presentado por Gadis para renovar as súas instalacións e prorrogar a concesión administrativa. A formación nacionalista valora positivamente a continuidade da actividade comercial, mais insiste en que debe ir acompañada de garantías para o interese público.
“Valoramos positivamente o interese de Gadis por continuar e reforzar esta actividade comercial”, sinalan desde o BNG, “mais falamos dun espazo público e é imprescindible que o proxecto incorpore melloras que garantan un desenvolvemento equilibrado, sustentable e respectuoso coa veciñanza”.
O BNG considera que o proxecto, tal e como está formulado, “non resolve nin a integración urbana nin o impacto sobre o comercio local”. Por iso, propón actuacións sobre o edificio, o estacionamento e os accesos, así como medidas que protexan o emprego e a actividade da praza de abastos, situada a poucos metros.
Un proxecto que debe responder ao interese xeral
A voceira municipal, Iria Cotelo, subliña que a concesión debe reverter no conxunto da cidadanía: “Non se trata só de modernizar unha superficie comercial, senón de garantir que esta actuación mellore Viveiro e non agrave problemas existentes”.
Cotelo advirte tamén sobre o impacto laboral e comercial: “Se se introducen caixas de autocobro, hai que garantir o mantemento do emprego. É importante que a modernización non vaia asociada á precarización dos postos de traballo”. Engade que é fundamental asegurar unha convivencia real coa praza de abastos e co comercio local, “que forman parte da identidade económica e social de Viveiro”.
Humanizar un espazo con forte impacto visual
Outro dos puntos centrais das alegacións é a integración urbana e paisaxística dun ámbito especialmente sensible pola súa proximidade ao casco histórico e pola súa visibilidade desde a ría.
“Actualmente a zona presenta un aspecto claramente industrial, alleo á contorna”, explica Cotelo. Por iso, o BNG propón unha reordenación profunda do espazo exterior: eliminar elementos discordantes como o murete xunto ao paso de peóns, reducir a superficie asfaltada, reorganizar o estacionamento, retirar a cartelería de grandes dimensións e incorporar zonas verdes que melloren a relación coa contorna. “Cada intervención na ría e no casco histórico debe contribuír a mellorar a imaxe de Viveiro”.
Máis calidade arquitectónica e menos impacto
A formación lembra o proceso histórico de recuperación do litoral para abrir Viveiro ao mar e considera insuficiente a solución proposta por Gadis para mellorar a edificación. “En Viveiro levamos décadas traballando para abrir a vila ao mar, eliminando construcións que rompían coa paisaxe. Non vemos axeitada unha reforma baseada en panel sandwich pintado de vermello-alaranxado nunha zona tan sensible, na entrada da vila e a carón da ría”.
Por iso, o BNG reclama unha revisión en profundidade: “É imprescindible replantexar a integración arquitectónica do edificio. Falamos dunha concesión en solo público, e iso obriga a ser máis esixentes: máis calidade, máis integración e máis respecto polo interese xeral de Viveiro”.




















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.


