O GALP A Mariña-Ortegal convidou a pediatra de atención primaria Consuelo Lobelle Fernández a impartir as xornadas técnicas Pesca Saúde, este martes 12 de maio na Casa do Concello de Burela. A doutora centrou a súa intervención en sinalar os beneficios do consumo de produto pesqueiro no desenvolvemento cognitivo e no crecemento da infancia
Burela, 13 de maio, 2026. Consuelo Lobelle participou nas Xornadas “Pesca Saúde” cunha intervención titulada “O que pos hoxe no seu prato, mañá constrúe o seu futuro”, na que abordou a importancia do peixe na alimentación infantil, poñendo o foco na necesidade de dietas equilibradas e no impacto que isto pode ter no desenvolvemento físico e cognitivo.
Segundo a experta, o peixe non é un alimento «máxico», pero si unha parte chave dentro dunha dieta saudable que aporta nutrientes fundamentais como proteínas de alta calidade, graxas omega-3, iodo, vitamina D, B12 e selenio. Explicou tamén a diferencia entre os diferentes tipos de graxa que aportan os alimentos e alertou sobre os perigos dos alimentos precociñados e ultraprocesados que ofrece a industria alimentaria, que inclúen graxas trans, moito máis perxudiciais mesmo que as saturadas. O peixe, pola súa banda, aporta graxas poliinsaturadas como as omega-3, que definiu como o «combustible do cerebro», sendo especialmente necesarias nas fases de crecemento de nenos e nenas.
Recomendacións, consellos e trucos.
Lobelle sinalou que, para unha persoa en crecemento, a cantidade recomendada de racións de peixe semanal é de mínimo dúas, e idealmente 3 ou 4, considerando que unha ración debe levar 70 gramos de produto pesqueiro. Avisou sobre a conveniencia de evitar, antes dos 10 anos, o consumo de dalgunhas especies como o peixe espada ou o atún vermello e limitar a dose aos 120 gramos mensuais entre os 10 e os 14 anos.
A pediatra advertiu, en calquera caso, de non «obsesionarse coa gramaxe exacta», e atender máis á regularidade no consumo e a variedade entre especies (por exemplo, entre peixe branco e azul). E tamén aportou trucos para conseguir limitar as barreiras habituais que poñen os nenos diante deste tipo de produto, como introducilo na dieta canto antes para que se acostumen ao sabor, aproveitar os momentos nos que manifesten ter fame e mesturalo con outros alimentos que lles gusten en elaboracións variadas.
Diante doutros condicionantes como o prezo ou a dificultade para cociñar o produto pesqueiro, a experta lembrou que acostumar os nenos e nenas a consumir peixe e outras especies do mar é un investimento no seu benestar futuro.
Sobre as Xornadas “Pesca Saúde”
As xornadas, nas que tamén participou a alcaldesa de Burela, María del Carmen López Moreno, foron introducidas por Rosa Ana González Vizoso, xerente do GALP A A Mariña- Ortegal, que promove Pesca Saúde, e que deu paso a un vídeo divulgativo de presentación da campaña que se pode consultar tamén na web do proxecto, pescasaude.gal.
As Xornadas “Pesca Saúde” contan con profesionais sanitarios de diversas especialidades para desmontar mitos e promover o consumo de peixe e marisco de proximidade de maneira clara e rigorosa, dende a evidencia científica.
Próximas actividades e incentivos ao consumo
Con esta xornada deuse continuidade ás actividades que baixo o lema “Alimentos do mar, alimentos do vida”, tiveron lugar no mes de abril en varios centros de saúde situados no territorio do GALP A Mariña-Ortegal. Nestes eventos instaláronse puntos informativos e de reparto de materiais divulgativos, así como de vales de desconto de 5€ para trocar en peixerías adheridas á campaña.
Ademais, ata o 30 de xuño, as persoas que reúnan tiques de compra nestes establecementos por un valor igual ou superior a 60€ poderán participar no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun establecemento de hostalaría local.
Contexto do proxecto
O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente nas últimas décadas, mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.
Pesca Saúde é máis que un proxecto alimentario: é unha aposta pola saúde, pola cultura mariñeira e polo futuro das nosas vilas costeiras. Comer peixe das nosas costas é coidar do noso corpo, do noso territorio e do noso mar. Nese sentido, na campaña ponse o foco na importancia de consumir produto fresco, mercado en establecementos de proximidade, así como o seu consumo na hostalaría local.
A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar. Nela participan sete GALP (Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal), baixo a coordinación do GALP Costa Sostible e coa colaboración da Consellería de Sanidade.


























Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



