Cervo, 22 de xuño do 2026. O Concello de Cervo desenvolveu unha actividade de plantación de especies autóctonas nunha parcela municipal situada en Río Cobo, coa que se continúa avanzando na recuperación ambiental e na creación de novos espazos verdes de alto valor ecolóxico no municipio.
A actuación levouse a cabo nunha finca na que previamente se retiraran exemplares de eucalipto para favorecer a recuperación da vexetación propia da zona. Neste contexto, procedeuse á plantación dunha trintena de árbores autóctonas, entre as que se atopan bidueiros, carballos, freixos, acivros e pradairos, contribuíndo así á creación dun novo bosque autóctono nunha contorna moi próxima ao núcleo urbano.
Na actividade participou o alumnado de 2º da ESO do IES Marqués de Sargadelos, que colaborou activamente nas tarefas de plantación, coñecendo de primeira man a importancia da conservación do medio natural e da biodiversidade.
A xornada contou tamén coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez; e do responsable municipal de Xardinería, Óscar Bello, que acompañaron aos estudantes durante toda a actividade.
Esta iniciativa estaba inicialmente programada para celebrarse durante a Semana do Medio Ambiente, pero tivo que ser aprazada debido ás condicións meteorolóxicas adversas rexistradas naquela data, trasladándose finalmente a este final de curso.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “accións coma esta permiten avanzar cara a un concello máis sostible, recuperando espazos con especies propias do noso territorio que favorecen a biodiversidade, melloran a paisaxe e contribúen á conservación do medio natural”.
A rexedora subliñou ademais que “desde o Concello apostamos por reforestar todas aquelas parcelas municipais nas que sexa posible, substituíndo especies invasoras ou menos axeitadas por árbores autóctonas que forman parte da nosa identidade ambiental”.
Caramés quixo poñer en valor tamén a implicación da comunidade educativa neste tipo de iniciativas: “É fundamental contar coa participación dos máis novos. Actividades como esta permiten sensibilizar ao alumnado sobre o coidado da natureza e convertelos en protagonistas da protección do noso patrimonio natural. A colaboración dos centros educativos é clave para construír unha conciencia ambiental sólida de cara ao futuro”.























A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Estiveron organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofreceron tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).



