Foz, 27 de xuño de 2026. O Concello de Foz puxo en marcha onte, venres 26 de xuño, o dispositivo especial de salvamento e socorrismo nas praias do municipio, que permanecerá operativo ata mediados do mes de setembro. O servizo contará este verán cun “importante reforzo de persoal, unha aposta do Goberno local para ofrecer unha maior cobertura e garantir a seguridade de veciños e visitantes durante toda a tempada estival”, destaca o Concello de Foz, que especifica: “o equipo de salvamento previsto é de 21 profesionais, 13 socorristas e 8 auxiliares. Hai dúas prazas de socorrista vacantes e reabriuse o prazo para todos os interesados en prestar este servizo: a convocatoria está aberta ata o próximo martes día 30 de xuño. O horario de salvamento establecido é de 12:00 a 20:00 horas: nas praias de Rapadoira e Llas haberá dispositivo de salvamento todos os días da semana e as praias de Peizás, Pólas e Areoura permanecerán sen servizo un ou dous días a comezo da semana, en función do plantel final de socorristas”.
A concelleira de Turismo, Comercio e Sanidade, Kathy Navarro, salienta: “este ano fixemos un importante esforzo para incrementar o persoal destinado ao servizo de salvamento. O noso obxectivo é ofrecer unhas praias máis seguras, cunha atención máis completa e un horario que dea resposta á gran afluencia de usuarios durante os meses de verán. Pregamos tamén que se respete en todo momento as indicacións do equipo de salvamento”.
Pola súa banda, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, sinalou que “a seguridade nas praias é unha prioridade para este goberno. Ampliamos a duración dos contratos do persoal de vixilancia a tres meses, aínda que as achegas da Xunta son menores ca nunca. O esforzo do Concello en salvamento, xunto co resto dos servizos municipais, permitirá ofrecer unha mellor atención tanto á veciñanza como ás miles de persoas que escollen Foz para pasar as súas vacacións. Pido respecto ás indicacións dos profesionais do equipo de salvamento e responsabilidade nos baños: ser precavidos no mar é sempre a mellor opción”.
O Concello de Foz tamén deu inicio ao servizo de limpeza diaria dos postos de salvamento, dos aseos das praias e das áreas recreativas de Bispo Santo e Ponte de Ferro, “co obxectivo de manter estas instalacións nas mellores condicións de uso ao longo de todo o verán. Prégase facer un uso responsable das instalacións. Ademais, as praias de Xuncos e Pólas dispoñen xa de novas casetas de aseos e dun posto de salvamento, mellorando os servizos que se ofrecen ás persoas usuarias destes areais”.
A Oficina Municipal de Turismo a partir do 1 de xullo abrirá tanto en horario de mañá como de tarde, “facilitando unha mellor atención e información aos visitantes durante a época de maior actividade turística”.
Desde o Concello de Foz subliñan que “todas estas actuacións forman parte do dispositivo especial de verán, deseñado para ofrecer praias máis seguras, accesibles e con mellores servizos, consolidando Foz como un destino turístico de referencia na Mariña”.























Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



