A asociación dará a coñecer o 14 de agosto unha iniciativa cidadá destinada a enriquecer o patrimonio artístico de Viveiro cunha obra inspirada en Catro vellos mariñeiros
Viveiro, 11 de agosto, 2026. A Asociación Boga Mariñeiro celebrará a súa presentación pública o 14 de agosto, ás 19:30 horas, na sala multiúsos do Concello de Viveiro. No acto participarán a alcaldesa, Mariña Gueimunde; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; e o escultor Francisco Leiro, autor da proposta artística que vertebra o proxecto.
Unha entidade para impulsar unha nova escultura pública en Viveiro
Boga Mariñeiro é unha asociación cultural sen ánimo de lucro creada por veciños e veciñas de Viveiro co obxectivo de promover, financiar e doar á cidade unha escultura pública concibida por Francisco Leiro e inspirada na melodía e nos versos de Catro vellos mariñeiros, de José Travieso Quelle.
A iniciativa busca enriquecer o patrimonio artístico de Viveiro, embelecer o espazo urbano e crear un novo referente cultural ligado á identidade mariñeira da cidade. A obra aspira a converterse nun elemento patrimonial, simbólico e emocional, integrando creación contemporánea, memoria colectiva e paisaxe urbana.
Unha escultura para dialogar co mar e coa historia
A localización prevista —no paseo marítimo, fronte á Porta de Carlos V— permitirá establecer un diálogo entre a escultura, a ría e o pasado mariñeiro de Viveiro, reforzando a vocación pública e o carácter representativo do enclave.
Francisco Leiro, unha figura clave da arte contemporánea
A participación de Francisco Leiro, un dos escultores galegos e españois de maior prestixio internacional, confire ao proxecto unha relevancia artística extraordinaria. Autor de obras públicas tan emblemáticas como O Sireno (Vigo), Leiro achega a súa capacidade para transformar a memoria dun lugar nunha creación de carácter universal.
A futura escultura permitirá que Viveiro incorpore ao seu patrimonio unha obra concibida especificamente para a cidade por un dos grandes nomes da arte contemporánea.
15 de agosto: canto popular de Catro vellos mariñeiros
Coincidindo coas festas de San Roque, a Asociación Boga Mariñeiro organiza o canto popular de Catro vellos mariñeiros o 15 de agosto, ás 00:00 horas, na Praza Maior, minutos antes do concerto de David Civera.
A música correrá a cargo de dúas formacións de referencia en Viveiro: Bágoas da Terra e a Banda de Música O Landro, que unirán os seus sons para acompañar este canto colectivo.
A convocatoria pretende celebrar a unión do pobo de Viveiro ao cantar xuntos unha peza que forma parte da súa identidade e memoria mariñeiras.
Un proxecto para crear patrimonio e comunidade
Con estas dúas primeiras accións, Boga Mariñeiro inicia un camiño baseado na participación social e no compromiso de dotar a Viveiro dunha nova obra de arte público: unha escultura de Francisco Leiro chamada a converterse nun símbolo perdurable da identidade mariñeira da cidade.





















Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.



