Viveiro, 11 de agosto de 2026. Os libros volverán abrir en Viveiro unha porta cara a universos infinitos. A Feira do Libro de Viveiro celebrarase do xoves 13 ao domingo 16 de agosto nos Xardíns de Noriega Varela, convertendo durante catro días este espazo nun punto de encontro entre lectores, autores e librarías, pero tamén nun lugar desde o que achegarse á memoria, ao patrimonio e á identidade da Mariña.
A feira poderá visitarse todos os días en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas, e todos os libros contarán cun 10 % de desconto.
Nesta edición participan Libraría Porta da Vila, Lar Libros-Editorial Canela, Libraría Numax, Libraría Cartabón, Libraría Pedreira, Editorial Canela/Lar Libros, Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Librería Perseida, A Gata Tola e Libraría Agrasar-Monforte. A elas súmase unha ampla relación de escritores e escritoras que pasarán polas casetas para atoparse cos lectores e asinar os seus libros.
A programación da carpa combinará durante as catro xornadas presentacións e conversas literarias con espectáculos infantís e familiares, cunha presenza especialmente significativa de propostas relacionadas coa Mariña, o mar, o patrimonio e a memoria do territorio.
Xoves 13: os libros abren a Feira
A Feira do Libro de Viveiro comezará o xoves 13 de agosto ás 13.00 horas co acto inaugural e o pregón a cargo do catedrático de Lingua e Literatura Emilio Xosé Ínsua, acompañado pola pregoeira infantil Carla Casabella Ínsua.
Pola tarde, ás 18.30 horas, Cris de Caldas levará á carpa A bibliotecaria estrafalaria, un espectáculo para toda a familia no que se mesturan contos, humor, música e maxia.
A literatura tomará o relevo ás 19.30 horas, cando Nerea Pallares presente Punto de Araña, acompañada polo escritor David Cortizo. A xornada pecharase ás 20.30 horas con Arturo Lezcano, que presentará O país invisible.
Ao longo do día tamén pasarán polas casetas para asinar exemplares Miguel Garrido, Suso Lista, Xosé Manuel Varela, Juan Galán, Arturo Lezcano, Marta Villar, Esteban A. Jiménez e Antonio Tizón.
Venres 14: teatro, poesía e mulleres que escriben e viven xuntas
O venres 14 comezará a programación da carpa ás 18.30 horas cunha proposta teatral para toda a familia. Pedras de cartón representará Alicia, un espectáculo pensado para rir, sorprenderse e deixar voar a imaxinación.
Ás 19.30 horas, a poeta Olalla Cociña presentará Primeiro espello, acompañada pola profesora e escritora Laura Ramos.
Unha hora despois, ás 20.30, Abril Camino e María Nieto manterán unha conversa arredor das súas obras Mulleres que viven xuntas, gañadora do Premio Xerais 2025, e O corpo en loita.
Nas casetas, a xornada permitirá ademais atoparse con Alba López Paredes, Ana Vila González, Eva Rioboo, Eduardo Baamonde, Ana Julia Martínez, Estefanía Padullés, Manuel Rajal, Olalla Cociña e Juan de Oñate, que asinarán as súas obras ao longo da mañá e da tarde.
Sábado 15: historias que nacen á beira do mar
A programación do sábado 15 de agosto terá unha marcada conexión coa Mariña e coa memoria do territorio. Antes, ás 18.30 horas, os máis pequenos e as súas familias poderán participar en Os Xogos do Paporrubio, unha proposta lúdica pensada para todas as idades.
Ás 19.30 horas, Paco Ribas presentará Mulleres de Salitre. Na Mariña, o mar en feminino, acompañado por Bernardo Penabade, nun encontro no que o mar e as mulleres que construíron arredor del as súas vidas e historias serán protagonistas.
Ás 20.30 horas, Martín Fernández Vizoso presentará Memorias de Mariñáns, acompañado polo xornalista Anxo Rodríguez.
As sinaturas continuarán durante toda a xornada con Alba López Paredes, Luis Celeiro, Pedro Naveira, Rober Cagiao, Zara Mist, Carolina Sarmiento e Fina Roca.
Domingo 16: patrimonio, música e cultura marítima para despedir a Feira
A última xornada comezará xa pola mañá. O domingo 16 ás 12.30 horas presentarase o número 18 da revista Nova Ardentía, editada por Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. No encontro participarán Manuel Lara, enxeñeiro, especialista en patrimonio industrial e membro do seu Consello de Redacción, e Emilio Xosé Ínsua, escritor e coordinador da revista.
Pola tarde, ás 18.30 horas, Paco Nogueiras levará ao público infantil o espectáculo C@nto contigo. Ás 19.30 horaspresentarase Enxeñería hidráulica do século XVIII na cidade de Mondoñedo. A traída histórica de auga, coa participación de Xurxo Lorenzo e Javi Fouz.
O peche da programación chegará ás 20.30 horas da man de Farruco Graña, que presentará Eu Voun Navegar.
Durante o domingo tamén asinarán exemplares nas diferentes casetas Alba López Paredes, Silvia Fernández Recouso, Montse Astray, Ena Beisly e Francisco Narla.
Deste xeito, a Feira do Libro de Viveiro propón catro días nos que a literatura dialogará coa memoria, co mar e co territorio, sen esquecer a creación contemporánea nin o público infantil. Unha nova parada das Feiras do Libro de Galicia que converte os Xardíns de Noriega Varela nun espazo para descubrir historias, conversar arredor delas e volver reivindicar as librarías como esa “porta a universos infinitos” que inspira a edición de 2026.






















A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.



