Nota de prensa
A Deputación crea un navegador xeográfico cos recursos medioambientais, culturais e turísticos da provincia
– O Sistema de Información Xeográfica (SIX) de Lugo permite navegar por un mapa da provincia, obtendo información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse e ofertas de lecer dos lugares que lle interesen ó usuario
– Inclúe rutas de sendeirismo e do Km0, que poden descargarse en teléfonos móbiles, PDA ou XPS, así como os Camiños de Santiago e as adegas da Ribeira Sacra
– Gómez Besteiro definiu este proxecto como “o Google medioambiental das Reservas da Biosfera”, no que calquera empresa pode darse de alta de xeito gratuíto para anunciar a súa actividade e servizos como xa o fixeron 200.
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores o navegador xeográfico deLugo, no que se poñen a disposición dos veciños e turistas todos os recursos e atractivos existentes nas tres Reservas da Biosfera e no Courel, tanto ambientais, como culturais, turísticos e empresariais. Trátase dun Sistema de Información Xeográfica (SIX), o primeiro sobre as Reservas creado en Galicia, que permite ó usuario navegar por un mapa da provincia e, poñéndose enriba do lugar que lle interesa, descubrir todo tipo de información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse, así como de ofertas de lecer ou eventos culturais. O obxectivo é difundir a riqueza e as empresas no territorio das tres Reservas da Biosfera (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e do Courel, así como poñelas en valor como oportunidade económica que son.
14 persoas, entre informáticos, enxeñeiros en topografía e deseño, traballaron durante meses no que Gómez Besteiro definiu como “o Google medioambiental da provincia”, e ó se pode acceder a través das direccións www.delugo.org ou www.delugo.es A presentación celebrouse no Centro de Interpretación Terras do Miño e contou coa asistencia do subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, e o alcalde lucense, José López Orozco, ademais de 15 alcaldes máis das Reservas, así como representantes do mundo empresarial vinculado ó medio ambiente. O proxecto conseguiu o 70% do financiamento da Unión Europea a través do programa Lugo2, co que a Deputación fixo unha forte aposta para demostrar que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia.
O Sistema de Información Xeográfica deLugo facilita a veciños e visitantes información do patrimonio ambiental, cultural e turístico, como rutas de sendeirismo, ciclismo e marítimas, praias, árbores senlleiras, coutos e áreas de pesca, previsións meteorolóxicas, todo tipo de aloxamentos, restauración, feiras e festas, museos, oficinas de turismo e campos de golf. Figuran así mesmo as adegas e recursos enolóxicos da Ribeira Sacra, dando así resposta a un compromiso adquirido polo Presidente da Deputación.
En deLugo inclúense por outra banda referencias á actividade da Deputación en canto á construción de parques industriais -que desenvolve a través da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa)- e ás súas previsións nesta materia.
Innovación constante
O navegador xeográfico estará en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais iranse sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán. É o caso das descargas de arquivos en dispositivos móbiles, como teléfonos, PDA ou XPS. Xa é posible descargar información de varias rutas de sendeirismo e do programa Km0 pero, de xeito progresivo, incorporaranse a totalidade deste ambicioso programa medioambiental impulsado pola Deputación, que suman 127 itinerarios. Respondendo a outro compromiso, o Presidente explicou que tamén figuran as distintas alternativas do Camiño de Santiago na provincia, incluído o Camiño de Inverno -que sigue pendente da declaración oficial por parte da Xunta de Galicia-. Neste senso, integrarase proximamente o Camiño do Mar, por cuxo recoñecemento oficial tamén está a apostar o organismo provincial ó tempo que ultima unha publicación específica sobre o mesmo. Outra mellora prevista para as próximas semanas será a introdución dos nomes das estradas locais entre parroquias de Lugo.
Aberto ás empresas e produtores
Aquelas empresas de servizos ou produtores que así o desexen teñen a posibilidade de darse de alta de maneira gratuíta neste buscador, que constitúe polo tanto unha potente ferramenta de promoción. Actualmente xa hai máis de 200 firmas colaboradoras. Para anunciarse, o interesado tan só ten que entrar no sitio web e rexistrarse como novo usuario no apartado “LugoEmpresa”. Tamén con respecto a esta cuestión se levarán a cabo melloras nas próximas datas, pois as empresas que se den de alta pasarán a figurar automaticamente no navegador do Sistema de Información Xeográfica, é dicir, posicionadas nun completo mapa.
En deLugo, os usuarios atoparán así mesmo unha actividade denominada “Xeobuscas”, consistente en propoñer e descubrir “tesouros” en calquera lugar da provincia. Estes “tesouros” serán bens que se consideren de interese, como, por exemplo, un monumento ou árbores senlleiras e únicas.




















Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.



