O presidente autonómico afirma que o Parque empresarial de Landrove, en Viveiro, dá resposta a unha vella aspiración “e convértese nun instrumento para a promoción empresarial do concello, da Mariña e do conxunto de Galicia”
Feijóo destaca o compromiso da Xunta co novo Plan de Solo Empresarial e avanza a construción doutros dez novos parques, 4 millóns de metros cadrados máis para asentamentos empresariais
Salienta que este novo plan de chan industrial está orientado a completar a dotación dos espazos precisos para a instalación de novas empresas e para a ampliación das existentes
Lembra que, nestes dous últimos anos e medio, lévanse posto a disposición dos empresarios galegos 1,8 millóns de metros cadrados, en 11 polígonos industriais, “dos que arredor dunha cuarta parte da superficie xa está vendida ou reservada”
Cualifica o Plan Impulsa Lugo de “potente ferramenta de cohesión” e lembra que leva xa mobilizado máis de 122 millóns de euros de investimento, que permitiron crear ou manter máis de 400 postos de traballo
Avoga por seguir mantendo o concepto da Galicia global, “que é o concepto da Galicia equilibrada; e o equilibrio de Galicia pasa pola discriminación positiva da provincia de Lugo”
O presidente do Goberno galego visitou o novo Parque empresarial de Landrove, en Viveiro
Viveiro, 31 de agosto de 2011.- O presidente do Goberno galego, destacou esta mañá, durante a inauguración do Parque empresarial de Landrove, en Viveiro, o compromiso da Xunta co novo Plan de Solo Empresarial e avanzou a creación doutros dez parques de nova construción, que permitirán dispoñer de 4 millóns de metros cadrados máis para asentamentos empresariais.
Feijóo salientou que este novo plan está orientado a completar a dotación dos espazos precisos para a instalación de novas empresas e para a ampliación das existentes. “Presentaremos este novo Plan de Solo Empresarial –dixo- nun momento de crise económica, con tres requisitos: respostar unha óptica global de desenvolvemento económico e social sostible da Comunidade autónoma; dentro das directrices de ordenación do territorio aprobadas polo Goberno; e, en terceiro lugar, en función da demanda real que teña cada territorio onde se vaian a iniciar os novos polígonos industriais”.
Logo de lembrar que, nestes dous últimos anos e medio, lévanse posto a disposición dos empresarios galegos 1,8 millóns de metros cadrados, en 11 polígonos industriais, “dos que arredor dunha cuarta parte da superficie xa está vendida ou reservada”; o presidente da Xunta resaltou que “a situación actual de Galicia é que temos unha bolsa de chan industrial dispoñible para os emprendedores de 2,8 millóns de metros cadrados, distribuídos en 52 parques empresariais: 21 na provincia da Coruña, 15 na de Lugo, 8 na de Ourense e outros 8 na de Pontevedra”. “A estes 2,8 millóns de metros cadrados –engadiu- temos que sumar outros catro millóns que ven recollidos no novo Plan de solo referido”.
Parque empresarial de Landrove, 130.000 metros cadrados para novas instalacións
No tocante ao Parque empresarial de Landrove, Feijóo afirmou que “esta superficie de 130.000 metros cadrados dá resposta a unha vella aspiración dos empresarios, das organizacións sindicais, do concello e da Mariña lucense”. “Hoxe, -engadiu- este parque empresarial convértese nun instrumento para a promoción empresarial do concello de Viveiro, da Mariña e do conxunto de Galicia”.
Asimesmo, subliñou que este parque encádrase dentro das medidas económicas do Goberno, xa que “non se trata só de facer superficie para os emprendedores, senón de ter un plan onde se encadre esa decisión dos polígonos industriais”. E, neste sentido, lembrou que o Plan Impulsa Lugo “é o plan estratéxico do Goberno de Galicia para a economía desta provincia”.
Durante a súa visita, o responsable do Goberno galego cualificou o Plan Impulsa Lugo de “potente ferramenta de cohesión” e lembrou que leva xa mobilizado máis de 122 millóns de euros de investimento, que permitiron crear ou manter máis de 400 postos de traballo.
“Este plan estratéxico Impulsa Lugo, supón que os emprendedores que queiran adquirir parcelas neste polígono terán unha subvención, o prezo da parcela e o investimento total das empresas que aquí se radiquen de ata o 50%, en función dos parámetros do plan e das súas concrecións. Sectores acuícolas, enerxías renovables…, en definitiva, capacidades económicas para a Mariña lucense que hoxe teñen a posibilidade de ubicarse nestes 130.000 metros cadrados que poñemos a disposición”, matizou.
Por último, o titular da Xunta amosou o seu desexo de que este novo parque industrial contribúa a animar a iniciativa privada e a xeración de emprego e riqueza; “que se converta nun novo viveiro de empresas que é, en definitiva, a garantía do Estado do benestar, que é o que perseguimos todos os gobernos”.
Feijóo avogou por seguir mantendo o concepto da Galicia global, “que é –afirmou- o concepto da Galicia equilibrada; e o equilibrio de Galicia pasa pola discriminación positiva da provincia de Lugo”.






















Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
A artista, referente da música popular galega, conectou cun público diverso que gozou dunha sesión vermú marcada por máis de trinta anos de traxectoria. O concerto serviu tamén como despedida e recoñecemento a Valentín González e Viviana Pérez, que deixan a organización da comisión de festas tras dúas décadas. O deputado de Mocidade, Daniel García, destacou a importancia da implicación veciñal para manter vivas as celebracións que fortalecen a identidade comunitaria e reafirmou o apoio da Deputación ás redes asociativas e á programación cultural en galego. A actuación forma parte da iniciativa provincial para achegar música tradicional e en galego a todos os públicos.
Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.