Nota de Prensa
O cabeza de lista do BNG mantivo hoxe un encontro con labregos e gandeiros na cooperativa Os Irmandiños de Ribadeo
FERNANDO BLANCO COMPROMETE O SEU APOIO Á CREACIÓN DUN GRUPO LÁCTEO GALEGO QUE ACOLLA A 5.000 GANDEIROS NA PROVINCIA DE LUGO
Defende o futuro do sector agrogandeiro na provincia de Lugo, que produce o 16% do leite de todo o Estado, e aposta por que sexan os propios gandeiros os que controlen os procesos de transformación e comercialización dos produtos
Ribadeo, 10 de febreiro. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, comprometeu hoxe, diante de labregos e gandeiros, o seu apoio á creación dun Grupo Lácteo Galego na vindeira lexislatura. No transcurso dun encontro na cooperativa Os Irmandiños, no concello de Ribadeo, o candidato nacionalista indicou que “as bases xa están postas” a través do proxecto Ventos Cooperativos, no que participan catro cooperativas galegas: Irmandiños e Icos na provincia de Lugo, Feiraco na Coruña e Colaga en Pontevedra, e que veñen de resultar adxudicatarias do concurso eólico.
Fernando Blanco defendeu que as cooperativas agro-gandeiras entren no negocio do vento no noso país para reinvertir os beneficios que obteñan da produción de enerxía na creación do Grupo Lácteo Galego, e explicou que este proxecto dará acollida de xeito directo só na provincia de Lugo a 3.000 gandeiros, socios das cooperativas Os Irmandiños de Ribadeo e ICOS de Chantada, unha cifra que se podería incrementar ata os 5.000 produtores sumando outras 30 cooperativas de menor tamaño existentes na provincia. “Somos unha potencia na produción de enerxía e unha potencia na produción láctea. Son recursos que temos que aproveitar”, defendeu o cabeza de lista do BNG.
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo defendeu que “o sector lácteo galego tén futuro, só hai que poñer en marcha os mecanismos para que poida posicionarse con forza no conxunto do Estado”. Neste sentido, defendeu o modelo das cooperativas como xeradoras de emprego no medio rural. Irmandiños conta nestes momentos con 1.050 socios e dá emprego a 85 traballadores.
Fernando Blanco avogou por que sexan os propios gandeiros os que controlen os procesos de transformación e comercialización dos seus produtos. “Non é lóxico que o leite que producen os nosos gandeiros o envasen e comercialicen empresas de Asturias, Castela León ou Andalucía”, argumentou. Explicou que só na provincia de Lugo prodúcese o 16% do leite de todo o Estado e defendeu que sexan os gandeiros, que son os que producen o leite, os que controlen tamén todo o proceso ata que o produto chega ao consumidor para aproveitarse deste xeito do valor engadido xerado.
Estabilidade nos prezos do leite
Fernando Blanco apostou tamén pola posta en marcha de Contratos Homologados entre produtores e empresas, de xeito que se garanta aos produtores unha estabilidade nos prezos ao longo de todo o ano. O candidato nacionalista eloxiou esta iniciativa levada a cabo pola Consellería de Medio Rural e indicou que “este é o camiño a seguir”.
Referiuse tamén á situación das cotas lácteas e indicou que “Galiza precisa máis cota láctea”. “Os nosos labregos e gandeiros teñen vocación de permanencia e precisan medrar e redimensionar as súas explotacións”, afirmou. Neste sentido, Fernando Blanco defendeu “o dereito de Galiza a producir” e esixiu “que o reparto da cota láctea tanto no Estado como na Unión Europea prime ás zonas con vocación produtora como a provincia de Lugo”.
O cabeza de lista do BNG reclamou, ao mesmo tempo, “que Galiza estea presente en Bruselas nas negociacións sobre a Política Agraria Común nas que se vai a xogar o futuro do agro galego”. “Primeiro obrigaron aos nosos gandeiros a mercar cota láctea para poder seguir producindo e agora non poden desaparecer esas cotas sen máis, sen unha compensación para ese esforzo económico realizado polos nosos gandeiros, que en moitos casos se endebedaron para mercar cota a prezos moi elevados”, afirmou, polo que reclamou “compensacións” do Estado e a Unión Europea para o sector lácteo galego por ese esforzo.















Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



