247 persoas inician en Lugo, Viveiro, Xove e Monforte os cursos de inserción laboral do Pacto polo Emprego
– Arrancaron 19 das 22 accións formativas incluídas no plan co que a Deputación, co financiamento nun 80% da UE, abre novas oportunidades laborais ós lucenses no paro. Os tres cursos restantes comezarán entre agosto e outubro
– A Zona Sur e A Mariña son as comarcas de procedencia da maioría dos alumnos, concentrando un 64% dos beneficiarios, seguidas da Chaira, Lugo, A Montaña e A Ulloa
– Gómez Besteiro subliña que a Deputación estudará “se é posible” aboar a paga extra de Nadal ós empregados públicos do organismo provincial, tendo en conta que, “se eses cartos non nos chegan do Estado, non poderemos pagala, e que temos que cumprila Lei”
– O Presidente cre que “ningunha persoa con sentido común” levaría adiante unha redución no número de deputados da Cámara galega como a que decidiu Feijóo “sen consenso co resto de partidos e ás portas dunhas eleccións. Isto Fraga non o faría”
As accións formativas da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, co que a Deputación abre novas oportunidades de inserción laboral ós lucenses no paro, arrancaron este luns en Lugo, Viveiro, Xove e Monforte. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou hoxe o inicio das actividades, financiadas ó 80% pola Unión Europea a través dos fondos FEDER, acompañando na súa primeira xornada de clase ós alumnos dos cursos de Coidador de Discapacitados Físicos e Psíquicos e Auxiliar de Enfermería en Xeriatría, que a delegación lucense de Cruz Vermella comezou a impartir na súa sede da capital, na Avenida de Madrid.
Gómez Besteiro explicou que na xornada de hoxe 247 persoas (13 por cada curso) iniciaron 19 das 22 accións formativas incluídas no plan, mentres que os tres cursos restantes comezarán entre agosto e outubro. En concreto, as dúas edicións do de Administrador de Servidores e Páxinas Web empezarán o 6 de agosto, e o taller de emprendemento dará comezo entre finais de setembro e principios de outubro.
Cruz Vermella e outras 6 organizacións empresariais e sociais da provincia encargaranse de ofrecer ata finais de novembro os cursos, relacionadas con 13 temáticas diferentes, todas elas vinculadas “coas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistila crise”, como destacou o Presidente. Trátase dos coñecidos como empregos brancos, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, un sector que, segundo un informe elaborado polo Ministerio de Traballo o pasado ano, xerará 200.000 empregos hasta 2015 en España; os empregos verdes, que medraron un 235% na última década, superando os 500.000 postos en España na actualidade, e os 24.000 en Galicia; e os empregos azuis, os relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, área que creará 218.000 empregos hasta 2020 no país.
Distribución dos beneficiarios
Do total dos 340 beneficiarios, a maioría, un 64%, proceden das comarcas da Zona Sur e A Mariña. En concreto, un 34% (115 alumnos) pertencen a 13 Concellos da Zona Sur e un 30,4% (102 persoas) son de 14 municipios mariñanos. Por volume de alumnos, as seguintes comarcas son: A Terra Chá, co 15% (51 persoas) de 11 localidades; Lugo, con 36 persoas de 5 Concellos; A Montaña, con 29, de 6 municipios; e A Ulloa, con 7, das tres localidades que conforman a comarca.
Cursos, duración e localización
Cada unha das 22 accións formativas que se impartirán ten 13 alumnos. Os cursos, duración (incluída parte teórica e práctica) e localizacións son as seguintes:
– Coidador de Discapacitados Físicos e Psíquicos: Cruz Vermella impartirá 3 edicións diferentes deste curso, con 200 horas de duración cada unha, en Lugo, Viveiro e Monforte.
– Atención Especializada para Enfermos de Alzheimer: a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dará 3 edicións deste curso, de 250 horas de duración cada unha, en Lugo, Xove e Monforte.
– Auxiliar de Enfermería en Xeriatría: Cruz Vermella dará 3 edicións deste curso, de 300 horas de duración cada unha, en Viveiro, Lugo e Monforte.
– Dinamización de Actividades de Tempo Libre Educativo Infantil e Xuvenil: a Fundación Lucus Augusti ofrecerá unha edición deste curso, de 310 horas, en Lugo.
– Produtor de hortalizas ecolóxicas: o sindicato Unións Agrarias (UU.AA) impartirá dúas edicións do curso, de 190 horas cada unha, en Viveiro e Monforte.
– Actividades Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería: UU.AA. dará dúas edicións deste curso, de 330 horas cada unha, en Viveiro e Lugo.
– Instalador de Impermeabilización: a Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) ocuparase de ofrecer unha edición de 350 horas, en Monforte.
– Mantedor, Reparador de Calefacción e Auga Quente Sanitaria: a APEC dará unha edición de 350 horas, en Lugo.
– Edificación Sostible: a Fundación Laboral da Construción impartirá unha edición, de 350 horas, en Lugo.
– Técnico en Comercio Exterior: A Fundación Lucus Augusti ofrecerá unha edición, de 300 horas, en Lugo.
– Xestión Comercial das Vendas: a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) ofrecerá unha edición, de 350 horas, en Lugo.
En canto ó curso de Servidores e Páxinas Web, a Deputación ofrecerao a través da Fundación TIC, aproveitando desde xeito recursos propios. Neste caso impartiranse dúas edicións, de 350 horas de duración cada unha, en Viveiro e Lugo.
Estas entidades ocuparanse de impartir de xeito directo a formación teórica, e logo farán de mediadores para que os alumnos poñan en práctica estes coñecementos en empresas e asociacións da provincia estreitamente vinculadas coas áreas nas que recibiron formación. Deste xeito, garántese unha formación de calidade e o mellor adaptada posible ás demandas do mercado laboral, pois impártese a través de organizacións do sector. Calquera información sobre o Pacto Provincial polo Emprego pode consultarse na web da Deputación www.deputacionlugo.org
Axuda económica
Os participantes recibirán durante todo o período formativo –teórico e práctico- unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano 2012, é dicir, uns 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con este mesmo fin, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM.
Paga extra de Nadal
Durante a súa visita ós cursos do Pacto polo Emprego que comezou a impartir hoxe Cruz Vermella, o Presidente fixo referencia á posibilidade de aboar a paga extra de Nadal ós funcionarios da institución provincial, unha gratificación que o Goberno de Rajoy lle suprimiu ós empregados públicos impoñendo coa súa maioría a aprobación do Real Decreto Lei 20/2012. Gómez Besteiro asegurou que nos próximos meses “analizaremos se esa vía é posible ou non”, sempre tendo en conta dúas cuestións, explicou: por un lado, que “temos que cumprila Lei” e, por outro, que “as Deputacións recibimos practicamente todos os nosos ingresos vía transferencias do Estado, polo que, de nada serve que nós digamos que vamos aboar a paga extra, se logo eses cartos non nos chegan do Estado, e non podemos facer fronte a esa situación”.
O mandatario provincial ratificou que os políticos da Deputación non cobrarán a paga extra, polo que “as declaracións que fixo a portavoz do PP –Elena Candia- son innecesarias; non é que non vaiamos cobrar a paga extra, senón que, mellor dito, non lle vamos a aboar a paga extra”.
Besteiro subliñou que esta medida “non só repercute nos funcionarios, senón fundamentalmente, nunha provincia como Lugo, no pequeno comercio. Eu non me caso de dicir que a paga extra é unha paga que se gastaba integramente no comercio, polo tanto, a falta dese diñeiro vaise notar no pequeno comercio, e, se a iso lle engadimos a subida do IVE… quen o vai a pasar moi mal vai a ser o pequeno comercio, que é unha das bases fundamentais da nosa provincia. Ademais, non se sabe de ningún tipo de dedución, porque noutros países si se está aumentando o nivel de deducións para facer aflorar facturacións que non se están producindo neste momento. Creo que é un golpe sen sentido ós funcionarios, ós comerciantes e ós pensionistas. Van directamente contra o que é a columna vertebral da riqueza económica desta provincia”.
Redución de deputados
Besteiro referiuse tamén ó anuncio do Presidente da Xunta de reducir de 75 a 61 o número de deputados do Parlamento galego, aseverando que tomar esta decisión, “sen consenso e ás portas dunhas eleccións, como fixo Feijóo”, é algo que non faría “ningunha persoa con sentido común”. O Presidente aludiu, por outra banda, ó predecesor de Núñez Feijóo no PPdeG: “estou convencido, e creo que a xente do PP o entende así, que Manuel Fraga non o faría, porque era unha persoa que cría que, por riba dos partidos políticos están as institucións. Feijóo tamén pasará á historia, pero creo que esa historia non será boa con el se segue tomando ese tipo de decisións, sen consenso e ás portas dunhas eleccións”.
























As fotografías empregadas serán de uso interno e non se publicarán nin compartirán en redes sociais nin en internet. A actividade está aberta tamén a nenos e nenas doutros concellos.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
A programación do último trimestre inclúe Maiores con Arte, Moito máis que café, Entre risas e animación domiciliaria. Tras os obradoiros iniciados en maio, o Concello mantén o contacto cos participantes e leva as propostas ás asociacións para facilitar novas incorporacións. Na presentación explicaranse as formas de participación e os servizos dispoñibles. O programa conta co apoio da Consellería de Dereitos Sociais e Benestar do Principado de Asturias.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.
O espectáculo participativo A verbena de antes -con O Xeito e Airiños da Freba-, ao mediodía, e unha mostra etnográfica e as actuacións de Amado Lar e A Volta do Agro, pola tarde, protagonizaron o último día das Xornadas, pensadas como un punto de encontro da cultural tradicional galega,e especialmente da comarca da Mariña.



