Espazo Ecosocialista apoia a Iniciativa Lexislativa Popular para a aplicación dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galicia
Para os ecosocialistas galegos a incineración de residuos amosa un fracaso ambiental, social e económico
O recente anuncio da Consellería de Medio Ambiente desbotando a instalación dunha incineradora no Irixo en troques de ampliar as instalacións de SOGAMA en Cerceda reflicte o fracaso dun modelo que se ten demostrado incapaz de xestionar o problema do lixo, que opta pola solución máis lesiva ambientalmente e menos eficiente economicamente e que ten a menor taxa de reciclaxe.
Cunha taxa de reciclaxe irrelevante do 1,5% do total do lixo xestionado, SOGAMA supón a incineración do 51% do lixo que lle chega e o verquido directo no vertedoiro de Areosa do 48% restante. Este vertedoiro, actualmente en fase de ampliación, contén na actualidade 2 millóns de toneladas de refugallos. Por se non fora suficiente, entre estes residuos hai unha parte importante dos recollidos a través do programa SIGRE de recollida de medicinas caducadas en farmacias.
O propio modelo centralizado ten uns custos ambientais engadidos inherentes ao transporte de milleiros de Tn de lixo polo país adiante para trasladalos a Cerceda.
Namentres, as taxas de produción de lixo medran un 4,7% anual na nosa sociedade
En resumo, o modelo SOGAMA fracasa na prevención da xeración de lixo, fracasa no reciclado e fracasa no tratamento. Mais os nosos gobernantes prefiren mirar para outro lado.
Espazo Ecosocialista, en consonancia cos grupos ecoloxistas galegos, esixe unha reformulación completa do Plano de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia asentado en cinco eixos:
1. Actuación decidida na prevención da xestión de residuos. Unha taxa de aumento de preto do 5% anual é inviable ambiental, económica e socialmente ademais de desbaldir recursos cada vez máis escasos e necesarios. Cumpre delimitar, lexislativamente se é preciso, os materiais e procesos xeradores de residuos para apoiar os reciclados e reciclábeis, incentivando os sistemas de devolución e retorno e a desincentivación do emprego superfluo de materiais ( envases, etc..). Debese fomentar á reutilización sendo os puntos limpos municipais sexan un punto chave na implementación destas prácticas;
2. Cambio de modelo apoiado na divulgación e concienciación sobre a problemática dos residuos e asentado nunha participación directa, activa e continuada da cidadanía;
3. Comarcalización do novo sistema, evitando os custos suplementarios do transporte de longa distancia;
4. Recuperación e posterior compostaxe da fracción orgánica do lixo que representa máis do 50% da bolsa de lixo dun fogar medio. Optimización da recuperación e reciclado. Abandono da incineración;
5. Intensificación da recuperación e reciclaxe.
Consecuentemente, Espazo Ecosocialista apoia a Iniciativa Lexislativa Popular para a aplicación dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galicia desenvolvida polos principais grupos ecoloxistas galegos e outras entidades sociais e anima á cidadanía a sumar a súa sinatura para acadar un verdadeiro cambio de modelo que reduza drasticamente a xeración de residuos.