Lugo, 8 de marzo 2013. Ante a confirmación da implantación da área sanitaria integrada para a provincia de Lugo por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o portavoz nacionalista na Deputación Provincial, Mario Outeiro, amosou, na rolda de prensa posterior á reunión semanal da Xunta de Goberno, o rexeitamento da Vicepresidencia a esta medida que suporá a perda de dereitos sanitarios dos veciños e veciñas das comarcas da Mariña e Monforte e o progresivo desmantelamento dos hospitais comarcais.
Con esta decisión o Goberno galego desoe as reivindicacións de todos os lucenses e as dos profesionais sanitarios que levan semanas alertando dos perigos da xerencia única e, unha vez máis, amosa a súa deslealdade cara a provincia de Lugo ao deixar en evidencia un novo incumprimento. Durante o seu primeiro mandato o presidente Feijóo asegurou que a área sanitaria da Mariña non perdería autonomía ao estar asentada, ter base poboacional e non haber interferencias coa de Lugo, declaracións que repetiu durante a última campaña electoral na Mariña e en Monforte.
Outeiro insistiu en que a xerencia ubicada en Lugo dificultará o acceso aos servizos sanitarios a milleiros de lucenses, xa que as 70.000 persoas que ten asignadas o Hospital da Costa e os preto de 50.000 usuarias e usuarios do Hospital de Monforte, pasarán a ter como hospital de cabeceira o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) sito a 100 quilómetros de distancia para as veciñas e veciños da Mariña e uns 80 para os de Monforte. “Os únicos incapaces de ver as dificultades que isto suporá para acceder aos servizos sanitarios son os dirixentes do Partido Popular que ven vantaxes onde non as hai, polo menos para o pobo que perderá dereitos, benestar, calidade de vida, recursos económicos e sufrirá atrancos para protexer a súa saúde.”
Despois de que o presidente Feijóo negara a implantación da xerencia integrada durante varios anos, de que a fin de semana pasada non se pronunciara sobre este asunto durante a súa visita á Mariña e de que non sexa capaz de escoitar as razóns dos profesionais sanitarios para manter a autonomía das áreas sanitarias, Outeiro asegura que “é imposíbel crer que se vaian realizar novos investimentos nos hospitais da Costa e Monforte. A xerencia centralizada en Lugo eliminará novos investimentos prometidos tanto para os centros de saúde como para os centros hospitalarios, así como a implantación de novos servizos e especialidades. A sanidade da Mariña e Monforte irase desmantelando progresivamente.”
O portavoz nacionalista acusou ao Partido Popular de liquidar a sanidade pública e por á venta os dereitos sanitarios e a saúde do pobo e advertiu ao Goberno galego e tamén ao Goberno central que recortar en sanidade é recortar en saúde e sen saúde non hai desenvolvemento económico e social.