Concepción Burgo e Carlos Ferreiro anunciaron iniciativas do PSdeG no Parlamento para que a Xunta explique se o que quere é modificar a actual Rede de Centros Educativos e, se é así, esíxelle que deixe de facelo “pola porta de atrás” e poña o plan “sobre a mesa” para poder estudalo
Os socialistas lembran que o PSdeG estuda levar aos tribunais o repago nos comedores e piden que “se a Xunta insiste en levalo xa a cabo por decreto, como mínimo teñan en conta a situación actual das familias, que puido ter mudado coa crise” e non o fagan en base á declaración da renda de 2011
A deputada autonómica Concepción Burgo e o secretario de Educación provincial, Carlos Ferreiro, anunciaron esta mañá medidas contra “o desmantelamento do ensino público” en Galicia e na provincia de Lugo. Desde o PSdeG lucense reclamaranlle á Xunta a través de iniciativas no Parlamento que defenderá o deputado monfortino Vicente Docasar, voceiro de Educación, que explique se o que pretende realmente é modificar a actual Rede de Centros Educativos, que data de 1990. Se é así, pídenlle que deixe da facelo “pola porta de atrás” a través do continuo “decretazo”, e solicitan “que poña o plan enriba da mesa e haxa diálogo con transparencia”. Ademais, tamén anunciaron iniciativas contra o actual modelo da proposta de repago nos comedores escolares.
Concepción Burgo, que vén de rexistrar ademais varias iniciativas para deter a eliminación de ESO e Bacharelato no IES As Mercedes de Lugo, pide que o Goberno galego explique “se están intentando reformar a Rede de Centros a golpe de decretazo” e “confundindo a maioría absoluta cunha maioría absolutista”. A socialista critica que “non se sabe nada sobre os criterios que levan a escoller a determinados centros”, e lembra que están afectados por esa incertidume institutos de Chantada, Vilalba, Monforte, Lugo e Sarria. Asimesmo, apuntou que Docasar xa presentou unha iniciativa no Parlamento en febreiro, antes de que a Xunta tomase as primeiras decisións, reclamando diálogo para a reforma dos centros, á que o Goberno galego fixo caso omiso.
Burgo preguntouse, asimesmo, “por que todas estas medidas de redución de oferta educativa, prazas e recortes nunca afectan aos centros concertados e ademais van contra os mellores centros do ensino público”, e quere saber “que intenta ocultar o Conselleiro” con estas decisións. “Estamos fartos de improvisacións e de obxectivos ocultos, queremos as cartas enriba da mesa”, afirmou a socialista.
Os xefes territorias da Xunta en Lugo, “comisarios políticos”
Pola súa banda, o secretario de Educación provincial, Carlos Ferreiro, lamentou que volva a producirse unha situación como a que sucedeu co Politécnico lucense, “de feitos consumados e desprezo pola comunidade educativa”. O socialista criticou ademais que “as declaracións que se fan desde as Xefaturas Territoriais do PP en Lugo nunca coinciden coas decisións que se toman desde Santiago”. Neste sentido, cualificou de “auténtico despilfarro” a estrutura organizativa do Goberno galego, xa que “os xefes territoriais teñen un papel baleiro de contido, máis de comisarios políticos do que deciden en Santiago coa calculadora na man que como garantes dos intereses dos veciños”. Ferreiro lembroulle ademais aos dirixentes do PP en Lugo que “a defensa do IES As Mercedes demóstrase votando a favor do centro nos órganos de decisión, e non cunha fotografía dunha visita nun medio de comunicación”.
Iniciativas contra o repago nos comedores
Carlos Ferreiro incidiu en que o PSdeG de Lugo está a presentar iniciativas en todos os concellos da provincia contra o repago nos comedores escolares, e Concepción Burgo anunciou que tamén levarán novas accións ao Parlamento. A socialista afirmou que “un aspecto que preocupa moito” é que “se a Xunta insiste en levar esta medida xa a cabo por decreto, como mínimo deben ter en conta a situación actual das familias, que puido ter mudado coa crise e o aumento do paro” e non o fagan en base á declaración da renda de 2011, unha petición que elevarán á Cámara autonómica. Burgo lembrou, con todo, que o PSdeG está a estudar a posibilidade de presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional.
“Isto non é unha medida progresiva, como lle gusta dicir ao conselleiro Jesús Vázquez”, afirmou a deputada, que cre “unha tomadura de pelo que se refiran a isto como algo progresista e socialdemócrata”, xa que o estilo de Vázquez, di, “é impoñer medidas sen falar con ninguén” e “castigar da mesma maneira a unha familia monoparental que ingresa 8.000 euros que a unha que ingresa 60.000”. Na mesma liña, Ferreiro falou de “clasismo descarado” e invitou á Xunta a “votar a favor do imposto ás rendas altas e á banca se de verdade o que quere é que os que máis teñen, máis paguen”.
Incidencia “moi grave” no rural
A deputada Concepción Burgo destacou a “incidencia gravísima” que este repago nos comedores ten sobre as zonas rurais de Lugo, “aos que xa lles quitaron centros, aulas e mestres” e agora “vense obrigados ao repago porque non teñen centro escolar onde viven e non teñen outra posibilidade que comer na escola”.
Neste sentido, Carlos Ferreiro destacou que “o PP quere enganar coas cifras”, e lembrou que “moitas familias terán que afrontar pagos de preto de 100 euros mensuais, de cerca de 200 se teñen dous fillos”, polo que estas terán que pagar case 2.000 euros anuais “por algo que por lei ten que ser obrigatorio e gratuíto”, no que considera “ataque ao Estado de Benestar e aos servizos públicos”. Na provincia de Lugo, máis de 7.000 familias terán que pagar polo comedor escolar, e máis de 4.000 delas asumirán a cuota máxima.


















A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.



