Santiago, 24 de abril de 2013.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, afirmou hoxe no Parlamento que a modificación da Lei de Costas que está a tramitar o Goberno central “ven a dar cobertura por primeira vez a unha reivindicación histórica da Comunidade galega, como é o recoñecemento dos núcleos costeiros tradicionais, previos á Lei de 1988, como elementos da identidade do noso litoral”.
Na súa intervención, na que explicou a postura da Xunta respecto de dita modificación e as aportacións realizadas dende a administración autonómica, reiterou que a importancia deste recoñecemento radica en que para estes casos, a redución da zona de servidume pasa de 100 a 20 metros, “poñendo fin á incertidume e a inseguridade que milleiros de galegos padecían dende que entrou en vigor a lei do ano 1988”.
O feito de que Galicia conte con 82 concellos costeiros e arredor de 2.500 km. de costa supón que esta modificación vai beneficiar a boa parte do noso territorio, recoñecendo a súa propia singularidade no ámbito costeiro.
Nese senso, sinalou que a nova Lei de Costas beneficia especialmente a Galicia, que ve recoñecida a súa singularidade territorial no ámbito costeiro, tal e como vén defendendo a Xunta ao longo da pasada lexislatura, sempre e cando que os concellos fagan o seu labor e delimiten os núcleos rurais nos seu planeamento. Unha tramitación que pode facerse sen necesidade de revisar integramente o planeamento, realizando unha modificación puntual cun trámite abreviado, explicou o conselleiro.
Nin desprotección nin pelotazos
Hernández defendeu que o proxecto de Lei de Protección e uso sostible do litoral, que vai modificar a Lei de Costas de 1988, ten como gran obxectivo poñerlle remedio aos problemas e desaxustes que a aplicación da actual normativa veu causando nos últimos 24 anos, sen que ata o de agora se conseguira ningunha solución.
“Non desprotexe nada nin prepara ningún pelotazo”, manifestou, porque mantén no dominio público a prohibición para as novas construcións e non permite aumentos de volume, altura e superficie nas existentes.
Ao tempo que nesta ampliación das concesións en Dominio Público tampouco haberá ningunha prórroga automática para as ocupacións industriais no litoral, como é o caso de Ence. Insistiu en que a lei define claramente que serán as comunidades autónomas as que teñan a última palabra, posto que deberán emitir un informe determinante.
Papel proactivo da Xunta
O responsable de Medio Ambiente lembrou que a Xunta mantivo e mantén unha postura absolutamente proactiva, a favor da modificación da vixente Lei de Costas, presentando alegacións nas que o principal argumento é o recoñecemento das peculiaridades urbanísticas do territorio galego, lastrado de partida polo déficit de planeamento xeral municipal; e por outra parte, a non contemplación da especificidade do solo de núcleo rural, que precisa dun recoñecemento por parte da normativa sectorial na materia.
Por esa razón, o Goberno galego solicitou que se ampliara a posibilidade de redución da servidume de protección aos núcleos rurais comúns e que se concretara a esixencia de dotación de servizos nos previstos no seu caso pola lexislación urbanística. Tamén propuxo que se ampliasen as medidas de protección de costas sobre os bens declarados de interese cultural na lexislación de patrimonio, para recuperar antigos establecementos vinculados á economía do mar, pazos ou construcións semellantes.
Explicou que a xestión da Xunta está avalada polo traballo xa realizado, coa aprobación do Plan de Ordenación Litoral, un documento que protexe, ordena e mellora os valores paisaxísticos e ambientais da costa galega.
En resumo, este novo texto legal, que aínda non rematou a súa tramitación, non é un cheque en branco nin unha amnistía xeral para amparar ilegalidades, pero si que é un paso decisivo para unha gran parte dos concellos costeiros de Galicia, matizou, e destacou que a maior parte das propostas da Xunta están a ser tidas en conta no texto legal.
Obstrucionismo do PSOE
Fronte ao papel xogado pola Xunta para que Galicia saia beneficiada na nova Lei, o conselleiro de Medio Ambiente lamentou que agora o Partido Socialista de Galicia pretenda converterse nos abandeirados da defenda dos núcleos do litoral e non recoñezan que durante un cuarto de século foron os que impediron buscarlle unha solución.
Hernández recordou que o problema para estes núcleos comezou coa aprobación da Lei de Costas do ano 1988, unha norma promovida polo executivo de Felipe González. Recordou que os sucesivos Goberno socialistas no Estado non só non adoptaron ningunha medida para tratar de resolver esta cuestión, senón que mesmo se implicaron na obstrución e no ataque daquelas propostas que se formularon desde Galicia.
Hai 8 anos, cando tiñan responsabilidades no Goberno do Estado, recorreron o Decreto 158/2005, do 2 de xuño, aprobado polo Goberno da Xunta, que trataba regular a situación das edificacións preexistentes con anterioridade á Lei de costas, actitude que mantiveron coa Disposición da Lei de Vivenda de Galicia de 2008, recorrida polo Goberno de Zapatero.
Esta postura tamén se visualizou dende Galicia, engadiu, para o que citou tres situacións: en abril de 2006 e en outubro de 2008 opuxéronse a dúas iniciativas do Partido Popular na procura dunha solución aos núcleos do litoral; na pasada lexislatura, o Parlamento galego, cos únicos votos do PP, aprobou unha Proposición de Lei para instar a modificación da Lei de Costas e tratar de resolver o problema dos núcleos do litoral; e finalmente, tamén neste Parlamento (só cos votos do PP) aprobouse unha iniciativa para que a Xunta se dirixira ao Ministerio a fin de que na reforma da Lei de Costas se tivera en conta a realidade dos núcleos do litoral de Galicia.
Actuar con coherencia
Hernández invitou ao grupo socialista a actuar con coherencia, defender o mesmo en Moaña que en Vilaboa, facer unha análise das iniciativas presentadas no Congreso dos Deputados ou no Senado para que Moaña, Ribeira, A Illa de Arousa ou Vilaboa e tantos outros lugares, moitos deles mesmo con alcaldes socialistas, tiveran recoñecida unha especial consideración nesta modificación da Lei de Costas.
Afirmou que a xestión do PSOE “ten moito que ver coas incertezas que se vive en lugares como Vilaboa, un concello cun alcalde socialista, que tiña un doado encaixe nas previsións iniciais do proxecto de Lei e que unha emenda promovida polo Partido Socialista pode facer, senón imposible, si moi complicado buscarlle solución a moitas vivendas que poderían ser reguladas”.















Este lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 14 axentes, 20 brigadas, 21 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
José Luis Teso Celis é o vendedor da ONCE que repartiu estes cartos na localidade mariñá, desde o seu punto de venda situado na Avenida da Mariña, número 46.
Durante a xornada realizarase un mural inspirado na obra Diálogo (1946) de Luís Seoane, que Maruja Seoane levou a tapiz ese mesmo ano. A organización convida a toda a veciñanza a participar con lecturas, conversas, cantos, bailes e un xantar compartido.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.



