Cervo, 7 de maio de 2013-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, vén de convocar o pleno ordinario da corporación se celebrará este xoves (10:30 horas) cunha orde do día cun marcado carácter económico, no que se dará conta de varios documentos relacionados coa xestión, a solvencia e a estabilidade orzamentaria, como é o caso da Liquidación do exercicio 2012, dos informes sobre o cumprimento do plan de saneamento financeiro e do Plan de Axuste.
Uns documentos dos que se desprenden datos positivos da situación económico-financeira das arcas municipais, como é o caso dun superávit de 258.000 euros, o que permite dispoñer de capacidade de autofinanciamento. Tamén existen outras cifras, como o remanente de tesourería, que arroxan saldo positivo, de 1,2 millóns de euros e un incremento de máis de 1 millón de euros con respecto ao 2011.
Ao mesmo tempo o Concello destaca que, a día de hoxe, o consistorio ten total capacidade para pagar aos seus provedores e que, ademais, está levando eses pagamentos ao día, “un feito moi importante” tal e como destaca a edil de Facenda, Yolanda Pedreira, “xa que supón que o Concello cumpre coas súas obrigas económicas con todas as empresas que prestan servizos e abastecen de material a esta administración local”. Pedreira destaca que o Concello está pagando dentro dos prazos previstos na Lei de morosidade, que establece un período máximo de 30 días para aboar os importes aos provedores, contados dende a entrada da factura no Rexistro municipal.
A edil tamén destaca a presentación en tempo e forma da Liquidación e da Conta Xeral, dous dos documentos económicos máis importantes do eido local. No caso da Liquidación, vaise dar conta dela neste pleno, pero xa fora remitida ao Ministerio de Facenda antes do 31 de marzo, cumprindo cos prazos previstos na lexislación. O Concello tamén se adiantará aos prazos no caso da Conta Xeral, que se renderá con catro meses de antelación ao establecido.