Javier Pardeiro non seguirá á fronte do Burela FS Pescados Rubén da Primeira División RFEF a vindeira tempada, tras rematar o seu contrato. O presidente, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez, comunicáronlle onte pola tarde a decisión da directiva da non renovación.
“Despois de avaliar e reflexionar sobre a orientación do proxecto, chegamos á conclusión de que este é o momento de rematar un ciclo e pensar en novas metas e expectativas“ explicou Manuel Blanco, que agradeceu e loou a gran profesionalidade do técnico burelao no banco laranxa e a súa contribución aos alicerces do CD Burela FS: “A pegada que deixa Javier Pardeiro na historia do club será imborrable. Os éxitos do equipo feminino, formado por un gran grupo de xogadoras e que contou dende o seu nacemento co apoio de xente moi comprometida, non son máis que a continuidade do traballo e dedicación que o adestrador xa demostrou nunha etapa anterior de sete tempadas axudando a construír os cimentos da entidade coa evolución do conxunto masculino”.
“Estamos seguros de que o seu futuro estará repleto de apaixonantes proxectos que lle axudarán a seguir medrando nun deporte polo que leva moitos anos sentindo devoción e que lle darán novas ledicias. As portas da nosa entidade sempre quedarán abertas para acollelo de novo entre a nosa familia” dixo o presidente.
Javier Pardeiro despídese da estrutura mariñá despois de catro anos en Primeira División RFEF á fronte dun proxecto ilusionante que culminou as súas expectativas esta tempada acadando un dobrete histórico para o club burelista e para o deporte galego, como campión de liga e da Copa de España Bilbao 2013. Dúas Copas Galicia (2009 e 2010) e unha liña ascendente insuperable dende a estrea na máxima categoría, posicionándose entre os mellores dende o debut, serviron para catapultar o equipo dirixido por Pardeiro a un logro sen precedentes no fútbol sala lucense.