A Deputación de Lugo activou este xoves a factura electrónica, converténdose no primeiro organismo provincial de Galicia en poñer en marcha este servizo tecnolóxico, co que conseguirá pagar nunha media de tan só 20 días ós provedores, o que mellorará a liquidez das empresas, ademais de aforrarlles custes e tempo. Así o anunciaron o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, quen, nunha rolda de prensa no departamento de Fondos Europeos, explicaron que as empresas poden rexistrar xa de maneira cómoda e sinxela as súas facturas a través da páxina web www.deputacionlugo.org grazas ó programa e-fácil, financiado nun 73% polo Ministerio de Industria. Na mesma comparecencia, un empresario da provincia fixo o rexistro da primeira factura que a Deputación tramitará telematicamente.
Con esta nova aplicación informática, subliñou Gómez Besteiro, “seguimos avanzando cara a Administración electrónica, poñendo as novas tecnoloxías ó servizo dos cidadáns en xeral, e das empresas, en particular, para que se beneficien das súas vantaxes e posibilidades. Melloramos ademais a transparencia na xestión, e somos máis eficientes e máis útiles ós veciños”.
Neste senso, o Presidente destacou a boa acollida dunha recente iniciativa que a Deputación emprendeu a través do Innova-TE, coa que dotará de 200 ferramentas tecnolóxicas a 150 empresas da provincia para que potencien o seu negocio. Segundo avanzou Gómez Besteiro, dende a apertura do prazo de inscrición, hai tan só dúas semanas, xa se anotaron 130 firmas, quedando polo tanto 30 vacantes.
Cales son as vantaxes da e-factura
A tramitación on line de facturas que a Deputación puxo hoxe en marcha é un proceso totalmente telemático e moi sinxelo: As empresas atopan un banner na parte superior da web provincial www.deputacionlugo.org dende o que poden acceder á aplicación informática e rexistrar de maneira cómoda e rápida o seu recibo. A seguridade do proceso está totalmente garantida, igual que a validez legal das facturas presentadas.
O Presidente destacou que este sistema ten tres vantaxes fundamentais:
– A Deputación pagará máis rápido ós provedores. Con esta nova aplicación tecnolóxica redúcense os trámites burocráticos e axilízase o proceso administrativo das facturas, co que se acurtará de xeito importante o prazo de pago ás empresas provedoras. “A nosa previsión é baixar en 10 días ese prazo, co que pasaríamos da media de 30 días que vimos mantendo ós 20 días”, explicou Besteiro. Deste xeito, engadiu, “seguiremos á cabeza das institucións provinciais de Galicia que máis rápido pagan e situarémonos 10 días por debaixo do que esixe a Lei para este 2013, que son 30 días”. Pagando máis rápido, “favorecemos tamén que as empresas melloren a súa liquidez, un dos grandes problemas ós que hoxe se teñen que enfrontar, sobre todo as PEMES e autónomos, e, con elo, contribuiremos á reactivación económica”, sinalou.
– Aforro de cartos e tempo ós empresarios porque evitarán o gasto en papel, a impresión da factura, o pregado, o ensobrado, non terán que desprazarse á Deputación para rexistrala, nin terán gastos de envío.
– Aumenta a transparencia da xestión provincial porque os empresarios, non só poden rexistrar as facturas a calquera hora do día, os 365 días do ano, senón que poden consultar en calquera momento o estado no que se atopa o documento.
Sesións informativas
Pola súa banda, o Deputado de Economía do Coñecemento anunciou que, de maneira complementaria á implantación do programa e-fácil, a Deputación organizará entre mañá mesmo e o vindeiro mércores, 26 de xuño, seis xornadas informativas gratuítas por toda a provincia “para mostrarlles de maneira práctica ós nosos provedores, e ás empresas en xeral, como poden facer o rexistro electrónico das facturas da Deputación e cales son as vantaxes de escoller esta opción”. As firmas terán tamén á súa disposición na web do organismo provincial un manual coas instrucións para rexistrar facturas vía on line, así como un número de teléfono de contacto (982-28-02-63) e unha dirección de correo electrónico (facturaelectronica@deputacionlugo.org) para consultas e obter máis información.
As xornadas arrancarán mañá no Salón de Plenos de Monforte con dúas sesións formativas, unha ás 5 da tarde, e outra ás 6. O vindeiro martes, 25 de xuño, haberá outras dúas en Lugo, no Centro de Innovación Social, ás 6 e ás 7 da tarde; e o mércores, 26 de xuño, celébranse outras dúas no Salón de Actos do Concello de Viveiro, ás 5 é ás 6 da tarde.
Para os Concellos
Alfredo Llano avanzou tamén que a aplicación e-fácil está preparada para ser instalada nos portais web dos Concellos, polo que “cando estea a pleno rendemento na Deputación e constatemos o seu correcto funcionamento, estudaremos a posibilidade de ofrecerlles ós 49 municipios adheridos voluntariamente ó proxecto Innova-te a implantación gratuíta da factura electrónica co fin de que tamén poidan beneficiarse das súas vantaxes e axilizar os pagos ós seus provedores”.





















Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



