Foz, 26 de xuño de 2013. Este domingo, día 30 de xuño, desenvolverase en Foz un obradoiro gastronómico no que un cociñeiro elaborará pratos con produtos pesqueiros da zona e despois serán degustados polos asistentes. Será na praza Conde de Fontao de 11 a 15 horas con acceso libre. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, convida a veciños e turistas a asistir a este evento que “contribuirá á promoción do municipio”.
O rexedor municipal explicou que “é unha actividade máis financiada polo Grupo de Acción Costeira, ao cal queremos agradecer a confianza no Concello de Foz. Creo que é un obradoiro interesante, no que se promocionan os produtos pesqueiros da zona e tamén a nosa localidade e o turismo. Un cociñeiro profesional vai facer diferentes demostracións de cociña tradicional galega, ligada evidentemente aos produtos mariñeiros e coa súa propia degustación para todos os presentes”.
Javier Castiñeira anima “a todo o mundo a que se achegue á praza Conde de Fontao o próximo domingo e trate quizás de levar algunha receita para degustar neste verán. Están invitados todos os focenses e todos aqueles que visiten a nosa localidade neste fin de semana, no que xa empeza a tempada forte do verán e evidentemente o ambiente vai ser importante”.
O alcalde de Foz aproveitou tamén para propoñer aos visitantes que “pasen pola hostalería do noso concello, pois seguro que van saír satisfeitos”.