Ribadeo, 5 de xullo de 2013. O vindeiro domingo, 7 de xullo, dará comezo a programación cultural para os meses de xullo, agosto e setembro, que organiza a Concellaría de Cultura de Ribadeo. Será co espectáculo O meu primeiro Celso Emilio, título do concerto que terá lugar ás 21 horas no Teatro e que ofrece un plantel de luxo: Mini e Mero, María Manuela e Xiana Lastra, “que musicarán as letras do poeta de Celanova”, segundo explicou a concelleira Mariluz Álvarez Lastra. O prezo da entrada xeral será de 5 euros e a reducida para desempregados, xubilados e estudantes será de 3 euros.
A edil nacionalista sinalou que “a música é a grande protagonista deste verán xa que a nosa axenda oferta 17 concertos de xéneros diversos. Contamos coa inestimable participación da Banda Municipal de Música e da Coral Polifónica de Ribadeo en citas coma o 19º Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana Ría de Ribadeo, os concertos de San Roque, da patroa, do Carme, o Festival de Bandas e a súa colaboración no concerto Calabash e amigos”.
Ribadeo acollerá tamén este ano a Mostra Folclórica Internacional con grupos de Andalucía e Bielorrusia. Á súa oitava edición chegará o Festival Internacional de Música Clásica, que dirixe Leopoldo Erice, e que se celebrará durante cinco días no mes de agosto. Álvarez Lastra indicou que “I Colori Dell’ Armonia deleitaranos coa súa actuación na igrexa parroquial. É froito dunha iniciativa particular da que nos alegramos”.
Na programación musical a edil de Cultura salientou “o concerto dos ribadenses Remakers coa presentación do seu último traballo Semillas neste mesmo mes de xullo e a actuación da andaluza Zahara nun concerto financiado co método do crowfunding, segundo o cal o propio público co seu interese previo garante que se leve a un lugar un artista”.
O grande evento musical será non obstante a celebración do Festival Internacional de Jazz que vai traer a Ribadeo a Jorge Pardo, elixido mellor músico europeo do ano pola academia francesa de jazz. Nos dous días do festival actúan ademais Blues & Decker, Saint Patrick Big Band e Vargas Blues Band.
Mariluz Álvarez Lastra dixo que “o verán tamén é unha boa ocasión para formarse e na nosa axenda figuran as Xornadas de Historia Local que cada ano organiza a A.C. Francisco Lanza, o curso da USC sobre arte e patrimonio na Mariña lucense, o III Curso de jazz de Ribadeo no que o anteriormente mencionado Jorge Pardo impartirá unha master class, e xa en setembro teremos un curso de clown no marco do proxecto Buxiganga da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Nestes meses temos outras citas eminentemente lúdicas e gastronómicas como a festa da carne ao caldeiro en Remourelle, a do percebe en Rinlo ou a da malla nas Anzas, todas elas cunha grande participación veciñal. Non esquecemos tampouco a nosa romaría por antonomasia, a Xira, organizada pola asociación Amigos da Gaita”.
Ao longo destes tres meses haberá tamén varias exposicións, “a parte das que vai haber todo o verán na sala do parque San Francisco, no Forte San Damián vai estar na segunda quincena de xullo a mostra escultórica de Fernando Vilariño e despois unha nova edición de Mariñarte, dándolle un espazo aos artistas mozos para rematar na segunda quincena de agosto acollendo as pinturas de Santiago Vivanco. En setembro temos previsto organizar unha mostra de pintura afeccionada para amosar o traballo das moitas persoas que son afeccionadas a pintar aquí no noso concello. Temos tamén neste verán, e no tocante á sétima arte, a proxección da película de animación O Apóstolo, tan premiada este ano, e un ciclo de cinema árabe que nos chega a través da Fundación Araguaney”.
A programación cultural co Concello de Ribadeo inclúe espectáculos de rúa, vinculados sobre todo a un público infantil e familiar. Así haberá a exhibición de danza infantil, con alumnas fundamentalmente da nosa EMMeD; o ilusionismo do mago Crystian en A casiña da maxia; un espectáculo marabilloso de danza tradicional para toda a familia a cargo do grupo Pesdelán e que leva por título Na punta do pé; unha proposta de cómo xogar con material de refugallo coa compañía Malabaranda; e un espectáculo Fitness da actriz Marián Bañobre.
A axenda deste trimestre rematará en setembro os días 27, 28 e 29 cunha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón “e para os máis pequenos Charo Pita volverá á nosa biblioteca municipal”, engadiu a concelleira de Cultura. Álvarez Lastra agarda que “a nosa axenda cultural sexa do interese de todas as persoas que nos escoitan e co agradecemento a todas as entidades e persoas particulares que colaboran nela e sen cuxa colaboración non sería posible”.





















Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
No acto intervirán o autor e Xoan Ramón Fernández Pacios, cronista oficial de Foz. A actividade está organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Concello de Foz.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.



