Ribadeo, 9 de outubro de 2013. Volven as Xornadas Mar de Ribadeo que organiza a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos. Cerca de 30 establecementos hostaleiros participarán a vindeira fin de semana, os días 12 e 13 de outubro, na Festa da Ameixa. Os locais servirán racións elaboradas con este exquisito bivalvo a prezos populares.
Desde a directiva de ACISA sinalan que “o que pretendemos é potenciar o marisco de noso mar, do Cantábrico, e tamén ofrecerlles a ribadenses e visitantes unha cita gastronómica na vindeira ponte do Pilar”. O presidente do colectivo, Roberto Rivas, anima “a todo o mundo a saír esta fin de semana a saborear as tapas que lles ofrecerán os locais hostaleiros de Ribadeo”.
Esta festa é a primeira dunha serie de tres que seguirán nas vindeiras fins de semana. A directiva de ACISA asegura que “temos que dinamizar a nosa hostalería e o noso comercio nos meses do outono e do inverno con diferentes propostas, xa que estamos diante dun período moi longo de tempo, estamos en temporada baixa e hai que darlle alternativas á xente para que salga da casa”.
A Festa da Ameixa está organizada por ACISA, a confraría de pescadores, o Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal, a Xunta, o Fondo Europeo de Pesca e o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente.