Manuel Dios Diz.- A conmemoración do 65 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948-2013), cada 10 de Decembro, nesta ocasión, está moi condicionada, emocionalmente, polo pasamento de Madiba, para moitos millóns de persoas en todo o mundo, un exemplo, un referente, desde hai moitos anos, non de agora. Particularmente para aqueles que traballamos na Educación para a Paz, para os Dereitos Humanos, para a Democracia, o principal bloque de contidos da Cultura da Paz, a educación, sempre a educación!, como Mandela reiteraba, a arma máis poderosa para cambiar o mundo.
Nelson Mandela, hoxe chorado por todos, nalgúns casos con lágrimas de crocodilo, situou a súa utopía, no principio fundamental que sustenta a Declaración do ’48, a igual dignidade humana, pois aí estaba a vulneración brutal do réxime do apartheid que aborrecía, a discriminación, a desigualdade lexitimada legalmente en Sudáfrica, durante tantos anos, coa compracencia da comunidade internacional que só, moi tardiamente, comprendeu que aquel sistema político, era insostible por máis tempo.
Madiba era avogado,dirixente do Consello Nacional Africano, comunista, e coñecía o carácter revolucionario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e a ela apelou constantemente, fora e dentro da cadea, 27 anos, dise pronto, a maior parte deles fronte á Cidade de O Cabo, en Robben Island, sen unha pinga de rancor. A grandeza de Mandela está no perdón, na concordia, na reconciliación, por eses valores recibiu o Premio Nobel da Paz conxuntamente con Frederik de Klerk en 1993, logo de acordar algo tan simple que desmontaba de raiz a segregación racial, o dereito ó voto de cada persoa, con independencia da súa raza ou cor, artigos 2 e 21 da Declaración.
É certo que durante un período moi breve da súa vida, Madiba, xustificou e apoiou a violencia contra da tiranía, como tamén establece a Declaración no seu Preámbulo: “Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que o home non se vexa compelido ao supremo recurso da rebelión contra da tiranía e a opresión”.
Nas vésperas do 10 de Decembro lembramos tamén a John Lennon, asasinado hai xa 33 anos, artista, cantante, activista polos dereitos humanos, pacifista que tamén inspirou a millóns de persoas en todo o mundo. As súas cancións, particularmente Imagine ou War is Over, seguen sendo hoxe, auténticos himnos pola paz mundial.
E a que ven pensar hoxe nas concertinas?. Desde logo non tería nada de máis si as poñemos en relación con Lennon e a música, si falaramos dun instrumento musical, pequeno, parecido ó acordeón. Pero non, estamos a falar de crueis e inhumanas coitelas que pretenden causar dano e sufrimento, dor, a aquelas persoas que fuxen da miseria, da fame e da guerra, do sur empobrecido, aquel enorme territorio que dividimos, saqueamos e espoliamos sen compaixón durante séculos. Porque este método que un ministro que non merece ser nomeado cualifica de “pasivo e disuasorio”, violenta gravemente os dereitos humanos, por indigno, por cruel, por inhumano, como a súa lei de seguridade cidadá, esa patada na boca das liberdades democráticas, que nos achega a un estado de excepción propio dunha democradura.
Con estes pensamentos, o 10 de Decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, o Seminario Galego de Educación para a Paz e a Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC faremos un acto festivo e reivindicativo, no Salón Nobre de Fonseca, a partir das 10:00 horas, con música e unha lectura pública da Declaración do ’48, do seu Preámbulo e dos seus 30 artigos, para lembrala, para tela diante, para reivindicala, como código universal de desexos e de aspiracións da Humanidade, para ter presente que, aínda hoxe, a súa historia é a da súa propia violación.
Manuel Dios Diz





















Afectarán aos seguintes servizos: Piscina: pechada. Duchas dos vestiarios: pechadas. Ximnasio e actividades en seco: abertos no horario habitual. O Concello agradece a comprensión da cidadanía.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.



