O secretario de Política Municipal, Álvaro Santos, denunciou este mércores “o partidismo político” levado a cabo pola Xunta de Galicia nos obradoiros de emprego. Deste xeito, o socialista asegura que o 65% dos criterios que fixan as bases para a concesión destas axudas ós Concellos son de carácter subxectivo, mentres que tan só o 35% son obxectivo. “É dicir, pasada a fase de solicitude, sorprende a valoración.
Dos 12 criterios totais, 5 pódense cualificar de obxectivos e o resto de subxectivos ou moi subxectivos”. Así mesmo, tal e como explicou Santos, segundo a orde publicada polo Executivo galego en decembro e que regula as bases deste plan, a puntuación máxima que as entidades locais poden acadar é de 59 puntos, dos que 21 proceden dos criterios obxectivos e 38 dos subxectivos. “Está clarísimo, pois, como van a ser valoradas as solicitudes e a quen se lle van a conceder. Deixan a marxe suficiente para incluír a puntuación dende a subxectividade. O que lle interesa ó PP é repartir a tartiña”, subraia.
A modo de exemplo, Álvaro Santos destacou que, criterios como “o carácter innovador do proxecto, a calidade e o número dos mesmos, con puntuacións cuantitativas e cualitativas, deixan claro que o PP deixou todo ben atado para que ata nin sequera se produzan empates”.
Requisito dos 500 parados
Segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia, o fundamental para que un Concello resulte beneficiario pola iniciativa da Xunta é ter máis de 500 parados, polo que, se isto non é así, de xeito individual non se pode solicitar. “Isto afonda na brecha e na obsesión do Partido Popular de crear unha Galicia de dúas velocidades, pois é evidente que na maior parte dos Concellos de Lugo e Ourense non se chega a esta cifra”. Proba delo, asegura, é que en Lugo hai máis de 27.300 parados, 7.000 máis dende que goberna o PP. A media por municipio é de 408. É dicir, dos 67 Concellos da provincia, só 9 superan o número de desempregados indicado, polo que os 59 restantes están por debaixo. Ante esta situación, o 87% dos Concellos que queiran optar a un obradoiro só lles queda a opción de unirse como mínimo a outros dous municipios; caso no que queda automaticamente anulado o requisito dos 500 parados.
Para o secretario de Política Municipal “é aquí onde está a parte máis escura deste plan e da verdadeira intencionalidade do PP: a través desa unión facilitar que se agrupen os Concellos do seu Partido, pois este unión ten que ser con entidades locais limítrofes”. Deste xeito, asegura que os 24 Concellos que non gobernados polo PP parten nunha situación de desvantaxe para solicitar esta iniciativa “por este empeño da Xunta de Galicia”.
Non para persoas con risco de inserción
Por este motivo, Álvaro Santos matizou que o plan non só está deseñado para as cidades e non para os Concellos das provincias do interior, senón que discrimina claramente ós colectivos con dificultades para a inserción laboral, como son as persoas maiores de 45 anos, as mulleres e os mozos, pois a orde non recolle ningunha valoración que teña en conta a este sector da poboación.
O recorte da Xunta en cifras
As bases reguladoras dos obradoiros de emprego, constatan, segundo afirmou o responsable de Política Municipal, “o grave recorte de políticas de emprego que o Sr. Feijóo leva facendo dende a súa chegada en 2009 ó poder; un recorte que está estreitamente vinculado a outros gastos como o aumento continuo do pago de débeda. Estamos falando de 38 millóns de euros de recorte das políticas de emprego en catro anos. Mentras, a débeda é constante. Este ano chegará ós 2.000 millóns”. En contraposición a estas medidas, subliña, a xestión do goberno bipartito, que dedicaba á loita do paro 2.500 euros por desempregado, catro veces máis que o Partido Popular. Concretamente, o investimento do Goberno galego nesta materia tan só é de algo máis de 600 euros. “Isto sí, o paro segue aumentando”.
Repulsa ó suceso de Cervo
Alvaro Santos, aproveitou tamén a rolda de prensa, para expresar a repulsa “total e absoluta” ó suceso acontecido no día de onte. “O primeiro que temos que facer é manifestar a condena á violencia machista que provocou o tráxico suceso de Cervo, no que resultaron falecidas dúas mulleres. O Partido Socialista xa fixo pública onte a súa repulsa a través das Redes Sociais e hoxe a executiva provincial estará representada na concentración, como non podía ser doutro xeito”, concluíu.


















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



