Foz, 13 de febreiro de 2014. No Cenima de Foz inaugurarase mañá, venres, ás 20:45 horas unha exposición sobre o Entroido focense que está dedicada a Ana Ainse, que durante moitos anos consecutivos gañou premios no desfile local. A mostra estará aberta ata o 15 de marzo.
A exposición incluirá algúns dos traxes cos que Ana Ainse desfilou en Foz, onde moitos anos consecutivos logrou premios na categoría de individual adulto, e tamén participou varias veces no Entroido doutras localidades da Mariña.
Ademais este sábado, día 14, celebrarase a cea baile de coroación da raíña do Entroido focense. Será a partir das dez da noite no pavillón do colexio Martínez Otero.
Estes actos están organizados pola Delegación de Cultura do Concello de Foz.