Luns 7 de abril. A cuarta edición do Encontro do Deporte Base na Mariña, da Fundación Imdecum, imbuíuse o sábado pasado en Burela da doutrina futbolística hispano-xaponesa, coa presenza do seleccionador de fútbol sala do Xapón, Miguel Rodrigo.
O técnico español, ex–adestrador do Caja Segovia, dirixiu unha sesión práctica destinada á Selección da Mariña FS Cadete, así como a profesorado de base da comarca. Baixo o título ‘Exercicios para a asimilación do xogo con pivote’, Miguel Rodrigo dirixiu xogos de quentamento e unha progresión para reflectir o sistema de xogo do Xapón. O IV Encontro tivo como peche un partidiño entre os protagonistas da cita.
Pola tarde, o combinado nipón foi convidado de luxo no partido de Primeira División en Vista Alegre, no que o Burela FS Pescados Rubén se impuxo 2-1 ao Jaén Paraíso Interior.
Foto: Héctor Manasé