RIBADEO (FNC) .- A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, presentou esta mañá a axenda cultural prevista para os meses de verán e afirmou que “nestas datas o que pretendemos é acercar a cultura á rúa, polo tanto tódalas actividades de pequeno formato que presentamos terán como obxectivo animar as nosas rúas e deleitar á xente da vila e aos visitantes”.
A edil explicou que “en canto a cursos e xornadas o próximo será o curso sobre o Marqués de Sargadelos que terá lugar en Ribadeo o próximo mércores día 15 a partires das 9.30 da mañá no auditorio Hernán Naval e ao que poden acudir tódalas persoas interesadas sen necesidade de estar matriculadas, na seguinte semana imos ter o Curso de Agroecoloxía que organiza a USC e que se levará a cabo no Auditorio Hernán Naval, seguido das Xornadas de Historia Local que, como cada ano, prepara a Asociación Francisco Lanza e que nesta ocasión estarán adicadas á cultura castrexa do noso municipio. Xa en agosto, a Consellería de Medio Ambiente organiza sete días adicados á astronomía na Casa da Ría e por último, en setembro, dende a Área de Educación, celebrarase o III Curso sobre educación infantil na Mariña”.
Música
Álvarez Lastra sinalou que “en canto á música, ademais dos concertos da Banda Municipal de Música e do Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana, neste mes de xullo a Escola Municipal de Música e Danza ofrece as I Xornadas Músico-culturais e tamén se levará a cabo o Festival Internacional de Música Clásica organizado por Leopoldo Erice, o Concello e a Fundación Caixa Galicia”. A concelleira nacionalista engadiu que “haberá dous concertos dos grupos de música antiga e de cámara Acorde de Porto e Arco Vento de Ribadeo na Capela da Terceira Orde, repetirase no mes de agosto a Mostra Folklórica Internacional e acabaremos con dous concertos, o primeiro deles celebrarase o día antes da Xira de Santa co grupo de jazz Lucía Martínez Cuarteto e uns días antes das festas patronais actuarán os grupos de música de Ribadeo”.
A responsable de Cultura explicou que “para os máis pequenos haberá na rúa monicreques con Títeres Trompicallo, maxia cos magos Dani e Martín, un espectáculo de novo circo coa compañía Pablo Trasno, sesións de contacontos e un concerto do grupo Migallas, ademáis o venres 4 de setembro o mago Antón ofrecerá a súa función patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo”.
Mariluz Álvarez Lastra anunciou que “tamén haberá espazo para o teatro, actuará no Cine Teatro o grupo Axóuxeres de Foz, en setembro teremos unha nova edición da mostra Daniel Cortezón e a Aula Municipal de Teatro acollerá O Aturuxo de Melpómene e Trécola”.
A edil ribadense falou tamén do mundo da curtametraxe xa que “estará con nós o Festival On Off reconvertido en Festivalón e a Caixiña de Mistos, unha proposta que está a recorrer toda Galiza para que grupos de nenos e nenas poidan ver curtas para público infantil”.
Exposicións
Mariluz Álvarez Lastra ademais dixo que “o forte de San Damián acollerá a mostra de gravado de artistas lucenses Incisións cedida polo Museo Provincial de Lugo e a partires de mediados de agosto Rinlo será protagonista da mostra fotográfica de F. Fernández Páez como encargo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A OMIC será tamén escenario de fotos de veciños ribadenses, de Mariano Pérez, das mulleres que asistiron ao curso de fotografía que organizou o CIM e as recollidas polo Museo do Mar correspondentes á serie Memoria do Mar”.
A concelleira de Cultura comentou que “as actividades son moitas e iremos dando cumprida información de cada unha delas pero todos os interesados poden acudir ao concello e alí entregaremos, a partires da semana que vén, en calquera das entidades sociais a axenda cultural e tamén atoparán a programación nos paneis informativos ou chamando á oficina de cultura do concello”.





















Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



