Lugo, 11 de xullo de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, informou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial que veñen de aprobarse as bases que rexerán no concurso para a concesión demanial do ben de dominio público denominado “Centro de Turismo Activo Ribeira Sacra”, na zona de Augas Mestas, da que a Deputación se fará cargo da zona de piscinas, cámping, aloxamentos de inverno e instalacións comúns. O prazo máximo de concesión será de 25 anos e o canon mínimo de licitación será de 18.000 euros anuais.
Estamos ante unha nova aposta da Vicepresidencia da Deputación de Lugo nun dos sectores con máis futuro da provincia: o turismo. Pero a área de Turismo da Deputación non aposta por calquera tipo de turismo, aposta por un turismo de calidade vinculado á cultura e ao medio ambiente. Un turismo sostible, non masificado, que protexa entornos como a Ribeira Sacra ou a Praia das Catedrais. De feito, o compromiso da Deputación coa Ribeira Sacra materializase en inversións económicas de distinta índole así como na petición de declaración de Patrimonio da Humanidade para esta contorna, xa respaldada polo Senado e o Valedor do Pobo, que significaría o despegue definitivo e protección da mesma, na que se ven implicados trece concellos lucenses.
No caso da praia das Catedrais, estamos a falar dun entorno ameazado pola masificación, xa que se ten convertido no segundo destino singular máis coñecido e visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago. Neste sentido, Antonio Veiga fixo fincapé “na necesidade de compatibilizar esa masificación que sofre o areal ribadense coa necesaria protección do areal e da súa contorna natural é necesario protexer e conservar a praia das Catedrais, senón corremos o risco de matar a galiña dos ovos de ouro”.
“Isto é o que levamos tempo reclamando dende a Deputación e dende o Concello de Ribadeo. Urxe un plan de xestión para as Catedrais que evite danos no entorno por mor da masificación de visitantes. Pero a Xunta, que é quen ten as competencias por ser Rede Natura, mirou sempre para outro lado e agora, en plena campaña de verán sae cun anuncio sen concreción algunha por parte de Feijóo co único obxectivo de que non lle chovan máis críticas pola súa pasividade”, sentenciou Veiga.
Así mesmo, o vicepresidente da Deputación referiuse ao acordo da Xunta presentado onte como “unha cativa reacción da Xunta no cumprimento das súas obrigas con respecto ao que as normas ambientais galegas lle obrigan a facer e que se viña incumprindo dende fai 10 anos. Hai que recordar que As Catedrais foi declarado monumento natural en setembro de 2003”.
“Se o esforzo da Xunta para este ano vai limitarse a poñer catro cintas de obra para que a xente non se asome aos cantís, para que non haxa un accidente grave, ou non pise fóra dos sendeiros para non destrozar a flora existente, pouca cousa é, porque non vai resolver os problemas de aparcadoiro nin o deterioro do areal”, explicou Veiga.
Neste sentido, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo esixe a Declaración coma Parque Natural para a franxa litoral de Ribadeo que permita desconxestionar as Catedrais da súa presión turística ofrecendo alternativas para todo ese fluxo de turistas atraídos pola especial natureza desta costa.
“Queremos saber en que se vai concretar este plan anunciado onte por Feijóo pero que non explicou. Cantos cartos vai poñer a Xunta e para que. Queremos saber cales son os compromisos reais da Xunta para lograr que As Catedrais sigan a ser un motor económico e un motor do turismo para toda a comarca da Mariña” – concluíu Veiga.
A día de hoxe a Deputación está a ser a única institución á marxe do Concello de Ribadeo que aposta polo coidado, conservación e potenciación deste enclave natural, e faino a través dun convenio que contempla un programa de Atención ao Visitante e Mantemento do punto de información turística nas Catedrais, apoio ás actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello de Ribadeo, o bus turístico, o mantemento e coidado do areal e a difusión do valor ecolóxico das Catedrais. A institución provincial dedicou o ano pasado a esta colaboración co Concello de Ribadeo 80.000 euros, e ten previsto manter esa axuda este ano.