LUGO, 17 DE XULLO DE 2014.- Os alcaldes do PSdeG-PSOE de Lugo, tal e como anunciara hai uns días o secretario Provincial–Juan Carlos González Santín- presentaron este xoves no rexistro da Subdelegación do Goberno unha carta dirixida ao ministro de Xustiza –Alberto Ruíz Gallardón-, a través a que lle solicitan unha entrevista co fin de trasmitirlle “a profunda preocupación” que lles ocasiona a entrada en vigor do anteproxecto da Lei Orgánica do Poder Xudicial, e que modificará por completo, tal e como se explicou dende o Goberno, o mapa actual a Xustiza, ao substituír os Partidos Xudiciais por novos entes que pasarán a denominarse Tribunais Provinciais da Instancia.
Deste xeito, unha vez presentado o escrito nas dependencias da administración do Estado, o dirixente dos socialistas da provincia subliñou que “estamos reclamando que non nos quiten o que temos. Por iso, está tamén aquí o alcalde de Lugo porque este é un problema de todos os cidadáns. O que está facendo o Goberno é alonxarlles a Xustiza, de tal xeito que en lugares onde hai Xulgados, como poden ser Becerreá ou Fonsagrada, a xente terá que desprazarse á capital, pero a esta tamén se lle vai crear un problema. Non poden meterse todos os xuíces e os funcionarios en Lugo. O que tería que facerse é unha macro cidade da Xustiza, polo tanto, esta reforma é un despropósito”.
Por elo, a través da petición realizada, o que solicitan os rexedores ao ministro é que “dé marcha atrás nesta desfeita e non a presente ao Consello de Ministros para que sexa aprobada polo Goberno de Rajoy. Todos os alcaldes estanlle pedindo ao señor Gallardón que faga o favor de rectificar e que non faga coma sempre, que é poñer a todo o mundo dacordo en contra do que está feito”, afirmou Santín.
Situación da provincia
A provincia de Lugo que, na actualidade conta con 9 circunscricións, quedaría só co da capital, que absorbería todos os casos que tramitan cada ano cada unha destas demarcacións. Por este motivo, e porque están convencidos de que os que van a sufrir a consecuencias de eliminar ditos órganos son a cidadanía e os profesionais do sector xurídico, os rexedores acordaron dirixirse o titular do departamento estatal.
Deste modo, e a través desta iniciativa, expresaron o seu rexeitamento a que o Goberno siga cos trámites dunha normativa que vai ter graves consecuencias para a realidade socioeconómica da provincia. Entre outros efectos negativos, provocará un aumento do despoboamento. A nosa Comunidade, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), suma xa máis de 1.300 núcleos despoboados, dos que 910 está a punto incluso de desaparecer rexistralmente. A estes datos, hai que engadir outro feito alarmante: máis de 700 aldeas contan cun único habitante e, desas, máis de 300 corresponden á provincia.
Incremento de custos
Por outra banda, coa supresión dos Partidos Xudiciais, tamén se incrementarán os custos para os cidadáns, de tal xeito que se vulnera claramente a defensa dos seus dereitos e o seu acceso á unha tutela xudicial efectiva, tal e como rixe o artigo 24.1 da Constitución Española.
E é que, de poñerse en marcha o novo sistema, o 60% da pobación lucense tería desprazamentos de máis de dúas horas ao novo Partido Xudicial e os concellos, nos que se situán os actuais, perderían o seu status xudicial.
Rexistro Civil
A este respecto, o secretario Provincial indicou: “agardamos que o Goberno non faga con este asunto como co Rexistro Civil. Agora este servizo xa non é público, logo de que se entregase aos rexistradores mercantís, por certo, compañeiros de profesión do presidente Rajoy. Coa decisión do Executivo imos ter que pagar por algo que antes tiña un custe 0. O ministerio acababa de gastar 240 millóns de euros nunha aplicación informática para facilitar o traballo destes Rexistros, e agora resulta que se lles entrega a este colectivo… Estamos privatizando a Xustiza, estamos privatizando os servizos públicos e, en definitiva, estamos alonxando aos cidadáns de dereitos que antes tiñan”, subliñou o secretario Provincial.
O ministro primeiro declarou a guerra aos avogados coa implantación das polémicas taxas xudiciais. Logo, tocoulle o turno aos xuíces e, na actualidade, está en pleno fragor a Lei de supresión dos Partidos Xudiciais que non contenta a niguén. E. por se isto fose pouco, a semana pasada, por sorpresa, no Pleno do Senado, Gallardón reactivou unha terceira batalla: a da xestión do Rexistro Civil, anunciando que sería encomendada, por decreto, aos rexistradores mercantís.
Concretamente, o Consello de Ministros do venres pasado prorrogou a Lei que regula esta servizo, e que data de 2011, oficializando a entrega da súa xestión que se fará efectiva no prazo dun ano. Deste xeito, con esta nova medida, máis de 300.000 lucenses quedarán sen oficina de Rexistro Civil.
Intensa campaña
Coa petición realizada este xoves, a executiva, que dirixe González Santín, dá continuidade ao compromiso asumido na reunión mantida a finais de abril con alcaldes e voceiros socialistas, e na que acordaron conxuntamente promover unha serie de mobilizacións nos diferentes municipios implicados pola redución das circunscricións, ademais da presentación de mocións no Parlamento de Galicia, no Senado e nos Concellos, e da recollida de sinaturas por toda a provincia.
Paralelamente a esta campaña, dende a organización socialista tamén se segue traballando na celebración de xornadas informativas en todas as cabeceiras de comarca que posúen Partido Xudicial. O primeiro destes encontros tivo lugar o pasado día 3 de xullo, en Monforte de Lemos, o segundo celebrouse a semana pasada en Viveiro e , a terceiro, desenvolverase no municipio de A Fonsagrada. Este último estaba previsto para este xoves pero, por problemas de axenda dos ponentes, tivo que pospoñerse.