Bruxelas, 10 Decembro 2014. Neste momento está tendo lugar no Parlamento Europeo en Bruxelas as xornadas “As vías de acaparamento de terras na Galiza”, impulsada pola eurodeputada de Alternativa e Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra.
Entre este mércore e xoves unha delegación de máis de medio cento de persoas vinculadas a asociacións e organizacións sociais galegas denunciarán no Parlamento Europeo as múltiples amezas de acaparamento de terras ás que nos enfrontamos a día de hoxe no noso país.
Intervirán neste seminario, entre outras, a Associação Socio-Cultural O Iríbio, a Comisión de Asociacións en contra das minas da Terra Chá, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños ou a Plataforma Veciñal Corno do Monte e SOS Courel. Canda elas, exporán os eixos principais das súas loitas organizacións como o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (OGMVMC), Salvemos A Fracha, Plataforma Contra a Autovía de Redondela ou a Coordinadora para a defensa da autovía Santiago-Lugo preto de Melide.
Na xornada de hoxe, puidemos coñecer máis polo miúdo a problemática concreta da mina de ouro que a empresa canadiense Edgewater quere explotar en Corcoesto, así como as dinámicas organizativas que levaron ás persoas afectadas a artellar unha campaña de sensibilización e loita que conseguiu -alomenos polo momento-, frear este altamente contaminante proxecto extractivo.
Aliás, contamos ca presenza de Daniel Fernández Gómez, representante da Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea, quen escoitou atentamente as denuncias e experiencias de resistencia fronte a proxectos lesivos para a terra e o territorio na Galiza. Asemade, afondou en cuestións de grande importancia para a loita contra o acaparamento das terras e montes, como por exemplo os estudos de impacto ambiental.
Para a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, “é fundamental que coñezamos de primeira man como se realizan os estudos de impacto medioambiental, xa que estamos convencidas de que, se se fixeran correctamente, moitos destes proxectos destrutivos non poderían ser realizados.”
Acaparamento de terras
O termo “acaparamento de terras”, coñecido internacionalmente como land grabbing, fai alusión á adquisición de terreo agrícola con fins comerciais, tales como la produción de alimentos a escala agroindustrial, agrocarburantes, infraestructuras enerxéticas ou grandes estruturas. Inicialmente, esta sinerxia de concentración da riqueza tivo o seu impacto máis forte nos territorios latinoamericano e africano, instaurándose como dinámica de asoballamento comercial ao abeiro da crise alimentaria global do ano 2008, preludio da actual crise social precipitada pola especulación urbanística e a laxitude no control das depredadoras prácticas bancarias e financieras.
Segundo datos do movemento internacional Slow Food, actualmente a nivel global uns 227 millóns de hectáreas de terra están afectadas por estratexias de acaparamento[2]. Mesmo os datos do Banco Mundial estiman que máis do 30% da terra fértil do planeta está nestes momentos baixo negociación.
Polo tanto, a día de hoxe, esta problemática é xa unha preocupante realidade no territorio europeo. Se ben na Unión Europea (UE) rexístranse uns 12 millóns de fincas, son as grandes fincas -de 100 hectáreas ou máis-, que so representan o 3%, as que controlan o 50% de tódalas terras de cultivo no territorio comunitario. Aliás, este acaparamento vén en Europa significativamente vencellado non só á produción de materias primas para a industria alimentaria dominada polas compañías transnacionais, senón fortemente instigada polas industrias extractivas (mineiras), expansión urbana e intereses inmobiliarios, turismo, parques eólicos, grandes superficies comerciais e grandes infraestructuras (estradas, viaductos, trens de alta velocidade, etc).
Ademais, na problemática do acaparamento de terras, as políticas institucionais europeas teñen tamén unha forte responsabilidade. Como xa ten denunciado a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, “as propias normas do reparto de fondos públicos no marco da Política Agrícola Común (PAC), baseadas no tamaño da extensión de terras e non na produtividade, promoveron claramente esta concentración de terras e riqueza”. No Estado español, por exemplo, o 75% dos subsidios repartidos no ano 2009 foron acaparados polo 16% dos produtores, nomeadamente por grandes terratenentes como a Casa de Alba.
Asemade, dende a perspectiva da economía política, o acaparamento de terras é esencialmente acumulación de control, xa que o acopio de poder para controlar a terra conleva tamén o dominio doutros recursos asociados, tales como a agua, os minerais ou os montes, co fin de dominar os beneficios da súa utilización, consolidando deste xeito para as grandes empresas formas de acceso á riqueza vinculada á terra. Aliás, outra faceta desta estratexia de expolio capitalista dos recursos dos pobos é o denominado “acaparamento de terras virtuais”, no que o obxectivo final non é de carácter produtivo senón especulador -esta foi unha das hipóteses baralladas por exemplo no caso da mina que Edgewater quere explotar en Corcoesto-, ou a instrumentalización para apropiarse de subsididos, obter préstamos bancarios empregando as terras como aval ou especular sobre futuros incrementos do valor das terras.



















Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.



