Santiago, 19 xaneiro de 2015.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde que establece as bases reguladoras e a convocatoria de 2015 das axudas aos investimentos a bordo de buques pesqueiros, selectividade e rendemento enerxético. A estas axudas, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca (FEP), a Consellería do Medio Rural e do Mar destina 1 millón de euros.
A súa finalidade é contribuír á modernización da frota pesqueira galega mediante o financiamento de investimentos a bordo dos buques que sirvan para mellorar a seguridade a bordo, as condicións de traballo, a hixiene, a calidade dos produtos, o rendemento enerxético e a selectividade.
Outros investimentos obxecto de subvención son a substitución do motor e das artes de pesca por outras máis selectivas, sempre e cando se cumpran os condicionantes específicos que establece a orde. Tamén os investimentos que busquen optimizar a xeración de enerxía en relación a súa demanda, que promovan o aproveitamento da enerxía residual e aquelas que reduzan o consumo de combustible no buque.
Ademais tamén poden optar os investimentos que permitan a conservación a bordo das capturas en que o seu descarte non estea autorizado, os que reduzan o impacto da pesca en especies non comerciais e nos ecosistemas e fondos mariños e os que protexan as capturas e as artes dos depredadores salvaxes, sempre que non aumenten o esforzo pesqueiro nin se prexudique a selectividade das artes de pesca e se adopten todas as medidas adecuadas para evitar que se lles produzan danos físicos aos depredadores.
Os beneficiarios serán os propietarios de buques pesqueiros da 3ª lista do Rexistro de Matrícula de Buques e que teñan cinco anos ou máis. Ademais o buque para o que se solicita o investimento ten que ter o seu porto base en Galicia e atoparse inscrito no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo de Frota Pesqueira Operativa. Poderán consultar os requisitos na orde que publica este luns o DOG.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá. Deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Tamén se poderán presentar en papel.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



