Foz, 8 de maio de 2015.- O Colexio Martínez Otero de Foz, desde o seu Equipo de Dinamización Lingüística, está a desenvolver unha ampla variedade de actividades enmarcadas dentro da festividade do Día das Letras Galegas que ten por obxectivo a exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria.
A relación de actividades implica a todos os niveis educativos do Centro e busca dinamizar o uso da nosa lingua entre os máis novos á vez que se fai unha posta en valor da nosa cultura.
Deste xeito, o Colexio participou na edición deste ano do CORRELINGUA, organizado en Ribadeo, onde un dos nosos alumnos (Jhoseba Alba) resultou gañador da carreira na proba masculina e unha das nosas alumnas (Paula Díaz) ocupou o terceiro posto na proba feminina. O alumnado de 2º e 3º Ciclo de Ciclo de Primaria participou na FESTA DA LINGUA (Organizada por Escolas Católicas de Galicia) celebrado o día 6 na cidade de Lugo.
Para os máis pequechos do Colexio tivo lugar unha sesión de CONTACONTOS levada a cabo, o xoves día 7, por unha representación do alumnado de 4º da ESO baixo a coordinación dalgúns profesores do Centro. (Acompáñase foto)
O ritmo non para nas semanas que veñen xa que está convocado un CERTAME LITERARIO, na modalidade de poesía, no que pode participar o alumnado de 2º e 3º Ciclo de Primaria e Secundaria. A entrega de premios aos mellores poetas será o xoves 21 ao rematar o Concurso de Deletreo.
Asemade, teremos o pracer de contar no colexio co GRUPO DE TEATRO AFECCIONADO “PICO DO CASTRO” que nos visitarán para levar a escena a peza “De vello, gaiteiro”. A representación terá lugar o mércores 13 de maio ás 15h20 no Salón de Actos do Colexio.. O teatro non remata esa semana xa que, o venres 15 de maio ás 12h15 no Salón de Actos, os alumnos de 6º de Primaria, dirixidos pola súa titora María Elvira Alonso, levarán a escena unha obra con moita sona no noso centro: A tía Lambida. Estas dúas actividades, ademais, estarán abertas a tódlas familias do noso entro, e se algún veciño tamén nos quere acompañar, é benvido.
Tamén teremos tempo para a música cun CONCERTO DIDÁCTICO onde Alberto Pombo (filólogo e músico) porá música, e explicación, a moitos dos poemas galegos máis coñecidos. O concerto terá lugar o mércores 20 de maio ás 15h20 no Salón de Actos do noso Centro.
Para pechar o noso mes das Letras Galegas contaremos coa terceira edición do CONCURSO DE DELETREO. A actividade, que enfrontará aos dous mellores equipos de cada clase desde 3º de Primaria ata 4º da ESO, será o xoves día 21 ás 15h20 da tarde no Salón de Actos.
Ademais, temos en marcha unha actividade chamada “Falo galego porque….” que consiste en que o alumnado do centro exprese, mediante post-its de dúas cores (brancos e azuis), as razóns e/ou os motivos polos que se expresan en galego ata conformaren a bandeira galega. Nesta actividade participa desde 6º de Infantil ata 4º da ESO. Asemade, no Centro, teñen unha presenza moi destacada os murais dos autores e autoras máis destacados da Literatura Galega e que foran homenaxeados co Día das Letras Galegas (feitos por alumnado de diferentes cursos).