Lugo, venres 10 de xullo de 2015. A USC ofrecerá para o vindeiro curso 2015-2016 unha oferta académica completa, integrada por 48 títulos de grao, dos que 33 se imparten en Santiago e 15 no campus de Lugo, tres títulos propios, 65 másteres e 54 programas de doutoramento, segundo indicou en Vilalba o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, na presentación da programación académica da institución académica compostelá, no marco dun acto no que tamén participou o alcalde de Burela, Alfredo Llano.
Bueno aproveitou a súa presenza en Burela para destacar o forte arraigo que conserva a USC na Mariña luguesa, unha comarca que o pasado curso aportou 662 estudantes ás distintas titulacións impartidas pola USC nos seus campus de Lugo e de Compostela. Na súa intervención, o vicerreitor de Coordinación do campus lugués subliñou, ademais das estatísticas de matrícula, o importante cometido que desenvolve a institución académica como elemento de vertebración social e territorial, tanto na provincia de Lugo como no caso de Galicia.
Bueno Lema sinalou neste senso que, alén do cometido docente e de I+D+i, a USC, en xeral, e o campus lugués, en particular, favorecen o fluxo e a mobilidade de estudantado das distintas localizacións da provincia, o que posibilita así un maior coñecemento da mesma, así como a transferencia de costumes, inquedanzas e, por suposto, de coñecemento. Unha situación mimética é a que se rexistra nos campus da USC emprazados en Compostela, que tamén actúan como espazos de intercambio e relacións entre as comarcas da chamada Galicia atlántica e as rexións do interior.
Respecto da distribución do alumnado universitario procedente da Mariña luguesa matriculado o pasado curso nos campus de Lugo e de Compostela, Bueno indicou que dous terceiros desta poboación estudantil opta por comezar a súa formación universitaria en Santiago (467 matriculados), fronte ás 195 matrícula rexistradas o pasado exercicio académico nos centros do campus lugués. é bastante equilibrada, segundo indicou Bueno, para logo precisar que 269 dos 684 alumnos das comparcas de Terra de Lemos, Courel, Chantada e Sarria inscritos o pasado curso na USC formalizaron a súa matrícula nos distintos centros do campus de Lugo.
Convencido de que o atractivo e a diversidade da oferta académica da USC no seu campus de Lugo constitúen dous activos para canalizar cara a sede universitaria luguesa un maior número de estudantes procedentes da Mariña luguesa, Bueno Lema informou tamén dos distintos programas de axuda á matrícula postos en marcha conxuntamente pola USC e a Deputación de Lugo para incrementar as cifras de estudantado na sede universitaria luguesa e dos que poden beneficiarse especialmente os mozos e mozas da provincia de Lugo.
Respecto do lugar de procedencia do alumnado da Mariña luguesa vinculado á USC no curso 2014-15, os concellos de Viveiro (148), Burela (85), Foz (81) e Ribadeo (81), que constitúen os principais núcleos de poboación, son tamén os que contan cunha maior presenza de alumnado na USC. Cervo (63), Mondoñedo (43), A Pontenova (35), Xove (33), Lourenzá (20), Barreiros (20), Alfoz (19), O Valadouro (12), O Vicedo (10), Trabada (7), e Ourol (5).
Novidades da oferta académica da USC
A principal novidade da oferta académica da USC para o curso 2015-2016 vén dada pola implantación de oito títulos dobres de grao, dos cales dous, os graos en Enxeñaría Civil e enxeñaría en Xeomática e Topografía, e o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e enxeñaría Forestal e do Medio Natural, se impartirán na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e para os que a USC ofrece 10 novas prazas de matrícula en cada un dos dos programas.
Respecto da oferta de títulos de grao no campus de Lugo, a USC mantén estable a programación dos últimos anos, conformada por 15 títulos. A Escola Politécnica Superior, onde se impartirán os graos en Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, ademais dos dous novos títulos dobres, é o centro co campus lugués cunha maior oferta de estudos. A Facultade de Veterinaria mantén o seu grao en Veterinaria, do mesmo xeito que a Facultade de Administración e Dirección de Empresas conserva os graos en ADE e Xestión de Pequenas e Medianas Empresas.
Os graos en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética constitúen a oferta de títulos de grao da Facultade de Ciencias, mentres que a Facultade de Humanidades impartirá o grao en Lingua e Literatura Españolas, así como o de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. Os graos en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria conforman a oferta da Facultade de Formación do Profesorado, mentres que as escolas universitarias de Enfermaría e de Relacións Laborais manteñen tamén cara o próximo curso a súa oferta de graos en Enfermaría e Relacións Laborais e Recursos Humanos, respectivamente.
A programación de másteres que oferta a USC no campus de Lugo para o curso 2015-2016 presenta novidades trala recuperación dos posgraos en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, que se imparte na Facultade de Formación do Profesorado, e o máster en Arquitectura e Paisaxe Juana de Vega, que desenvolve a súas sesións formativas na EPS. A recuperación destes másteres oficiais eleva a 12 o número de posgraos ofertados pola USC en Lugo cara o próximo curso.
Incentivos de matrícula
A oferta académica da USC para o curso 2015-2016 ofrece ademais diversos incentivos de matrícula no que atinxe ao campus de Lugo, onde os estudantes de que formalicen a súa inscrición en 10 dos 15 títulos de grao impartidos na sede universitaria luguesa poderán acollerse ás bolsas do 50% da matrícula financiadas pola Deputación de Lugo a través da campaña ‘Para estudar Lugo’. A esta iniciativa súmase o ‘Plan de captación de talento’, outra iniciativa a prol do campus de Lugo tamén financiada pola Deputación e a través da que se financia a matrícula completa dos seis mellores expedientes matriculados en cada un dos 15 graos ofertados, así como a inscrición dos tres mellores graduados/as que formalicen a súa matrícula en calquera dos másteres da USC en Lugo.
A aposta pola docencia semipresencial na USC, que no caso do campus de Lugo se amplía do título de Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural ao máster en Servizos Culturais, é outra das novidades avanzadas esta mércores na presentación da oferta académica da USC, un acto no que tamén se deu conta do alto nivel de satisfacción do alumnado do campus de Lugo.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, avanzou neste senso algúns datos das enquisas realizadas no curso 2014-2015 a máis de 400 novos alumnos de primeiro curso. Os resultados destes cuestionarios amosan un grao de satisfacción pouco menos que total respecto das titulacións que cursan, así como das escolas ou facultades onde reciben esta formación e tamén respecto da cidade de Lugo. Ademais, segundo se desprende destas enquisas, a práctica totalidade do estudantado do campus recomendaría vir estudar a Lugo.