Burela, 9 de novembro de 2016. O Centro de Formación Ocupacional acolleu o pasado luns un obradoiro dirixido para maiores de 55 anos sobre educación de hábitos alimentarios correctos a través das TICS.
O Obradoiro de ALIMEN-TIC, organizado pola Fundación TIC Lugo, da Deputación Provincial de Lugo en colaboración co Concello de Burela, levou a cabo esta actividade “na que se lles ensinou aos nosos maiores como levar unha alimentación saudable. Seguir hábitos alimentarios saudables pode previr enfermidades e frear doenzas comúns desta idades, como poden ser a diabetes, hipertensión, colesterol, problemas óseos…”, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero.
A edil socialista contou que “a principal peculiaridade deste obradoiro é que foi un obradoiro sobre alimentación aplicado ás novas tecnoloxías, cumprindo, polo tanto, un dobre obxectivo: intentar que os nosos maiores leven unha dieta sa e ao mesmo momento acercalos ao mundo das novas tecnoloxías. Os asistentes estiveron moi participativos e ademais de estar atentos aos consellos que se lles daban tamén buscaron recomendacións e receitas nas tablets, que formaban parte do material do curso”.
Patricia Otero engadiu que “os asistentes solicitaron novos cursos e obradoiros, e xa estamos en contacto coa Fundación Tic para poder levar a cabo nas vindeiras semanas un novo obradoiro, que neste caso sería relacionado coa memoria”.
Ao final da charla os asistentes disfrutaron dunha merenda saudable, e estiveron acompañados pola deputada provincial de Economía e Facenda, Mayra García, polo alcalde burelés, Alfredo Llano, e pola concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero.