Ribadeo, 22 de setembro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, amósase sorprendido e indignado polo abandono por parte dos concelleiros do Partido Popular do pleno celebrado onte, cando membros da plataforma sanitaria acudiron á sesión portando unha pancarta en defensa da área sanitaria da Mariña. O rexedor considera que é un asunto que preocupa moito á veciñanza de Ribadeo e que había que debater. Suárez Barcia subliña que o PP onde é oposición, como en Asturias, critica a fusión encuberta das áreas sanitarias e onde é goberno, como en Galicia, di todo o contrario e nega que isto sexa así.
O alcalde ribadense cualificou a sesión de “interesante” en referencia a “este pleno ordinario que tivo lugar onte á noite en Ribadeo, onde moitos dos asuntos eran técnicos e económicos sobre todo para dar conta da marcha da economía municipal que, sen ser a mellor do mundo, imos tirando con moita dignidade con remanentes de tesourería positivos e con períodos medios de pago máis que decentes”.
Fernando Suárez dixo que “había outros puntos na orde do día dun pleno que non son tan técnicos, son de debate sobre cuestións que lle afectan tamén aos nosos veciños e ás nosas veciñas e aínda que non teñan que ver directamente co Concello de Ribadeo si que a Corporación, como órgano colexiado e político, quere poñer o seu grao de area para dar a súa opinión sobre algo se lle gusta ou non. Estoume referindo á proposta que trouxemos sobre o mantemento da área sanitaria da Mariña”.
O rexedor ribadense subliñou que “é algo que está no debate público, e que moitísima xente e moitísimos profesionais da sanidade pública do Hospital da Costa nos manifestan a diario, e estamos vendo que hai unha clara intención do goberno galego a través da aprobación desta nova lei de saúde pública de que desapareza a área sanitaria da Mariña e de que o Hospital da Costa sexa un mero apéndice e un mero ambulatorio do HULA de Lugo”.
Para Suárez Barcia “a nosa sorpresa foi cando o grupo municipal do Partido Popular abandonou o pleno porque varios integrantes da Plataforma da Sanidade Pública da Mariña entraron no salón de plenos cunha pancarta que poñía Non á supresión da área sanitaria da Mariña. Entraron con educación, sen abrir a boca e en absoluto increparon a ninguén, simplemente despregaron unha pancarta. Eu levo varios anos xa no Concello de Ribadeo e vivín cando había plenos con duascentas persoas, cando había tensión nos plenos, incluso vivín no mandato anterior cando esta mesma Plataforma Sanitaria entrou cunha pancarta e non pasou nada. Quizais eran outras as persoas que estaban na Corporación anteriormente”.
O alcalde ribadense explicou que “o que me indigna a min, e entendo que ao resto de grupos da Corporación que alí quedaron, é o marcharse para faltar a un debate. Noutros mandatos anteriores había valentía de todos os grupos para manter as posicións propias aínda que foran contrarias ao sentir xeral do pleno ou ao do público asistente, pero o que vimos onte non ten parangón. Os membros do grupo municipal do PP non son capaces de romper a disciplina de partido, nin de defender algo que é obvio nun tema que tanto afecta á xente da Mariña e particularmente a nós, á xente de Ribadeo”.
Fernando Suárez insistiu en que “o que estamos dicindo, e o que di a Plataforma da Sanidade Pública da Mariña e os profesionais de Burela con respecto a esta modificación da lei é que antes os recursos estaban en función das necesidades da poboación e que agora con este proxecto de lei que está en trámite, estarán en función dos recursos económicos existentes que o goberno de turno, é dicir o goberno do PP da Xunta de Galicia, queira incorporar, e iso é algo que é fundamental. Polo tanto non querer debater, non querer asumir ou non querer dar a cara nestes debates deixa moito que desexar destes representantes do pobo. A min tamén me molesta cando me critican, ou cando poida haber xente no público que non estea de acordo co que nosoutros opinamos, pero non por iso nos marchamos. Iso é algo que para ser concelleiro había que telo claro desde o momento en que un se quere presentar a unhas eleccións”.
O alcalde ribadense engadiu que “o resto de grupos da Corporación estivemos de acordo, o Bloque, o PSOE e Ciudadanos, en que queremos poñer o noso grao de area e opinión pública en que non queremos a supresión da área sanitaria da Mariña, e non o dicimos nós porque non sexamos parte do goberno galego. Facíame moita graza escoitar onte mesmo á presidenta do PP asturiano como se laiaba de que o Principado de Asturias, que non está gobernado polo PP, estea facendo unha fusión encuberta de áreas sanitarias, o mesmiño que aquí. Alí o PP está na oposición e por iso se laia tanto, pero aquí en Galicia como o PP goberna na Xunta todos os seus lacaios no resto de Concellos en vez de romper unha lanza en favor do sentido común prefiren marchar do pleno e non debater convenientemente as diferentes opinións políticas”.
Mocións
Fernando Suárez tamén se referiu a outros asuntos tratados no pleno de onte que “o resto de grupos que quedamos alí acordamos aprobar por unanimidade unha moción do PSOE para instar á Xunta de Galicia ao incremento económico dos plans de mellora de camiños municipais, e unha moción do BNG sobre o Pazo de Meirás e a Fundación Francisco Franco no senso de facer unha condena pública das actuacións e das actitudes da Fundación Franco e da súa familia ao respecto da situación de vergoña e espolio na que manteñen o Pazo de Meirás. No apartado de rogos e preguntas houbo varios feitos pola oposición nas que algunhas teñen razón e intentaremos corrixir e outras coas que non estamos de acordo explicamos cal é a nosa motivación”.


























Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



