Burela, 27 de outubro de 2017. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, comunicou que o vindeiro domingo, 29 de outubro, realizaranse cortes de tráfico nalgunhas rúas da localidade con motivo da celebración da carreira 15K A Mariña-Mediolanum, que discorrerá entre Foz e Burela.
O edil burelés comentou que “a carreira vai entrar en Burela pola rúa do Mariñeiro e vai acceder a Eijo Garay ata chegar á praza do Concello. Vai haber unha serie de cortes de tráfico que entendemos que van durar sobre unha e media ou dúas horas”.
Ramiro Fernández quixo “pedir á xente dilixencia e un pouquiño de comprensión durante o tempo que estean cortadas as rúas, que teñan respecto polos sinais que vai haber e respecto pola xente que estará controlando a carreira”.
O concelleiro de Deportes dixo que “o calculo é que chegue sobre as doce da mañá a Burela o primeiro clasificado, e supoño que os que vaian chegando máis atrás tardarán sobre unha hora máis en chegar”.
Fernández Rey insiste en que “vai haber rúas cortadas e a zona de influencia sobre todo vai ser a rúa Suafonte e en Eijo Garay vai haber que cortala na ponte da vía e vanse desviar os vehículos para outras rúas”.
