O Valadouro (Lugo), 9 de novembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ao Valadouro para visitar as obras de construción dun local social que promove a comunidade de montes de Alaxe, ao abeiro das axudas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que xestiona o GDR Terras de Miranda.
Balseiro explicou que a entidade recibe 50.000 euros para a execución das obras, a contía máxima establecida para este tipo de proxectos. O edificio, de planta baixa, servirá como centro de reunión e servizos para os socios da comunidade de montes, no que desenvolver actos sociais e culturais como exposicións, cursos, xuntanzas ou actividades lúdicas. Contará ademais con zona de aparcamento. O edificio constrúese en terreos do propio monte veciñal propiedade da comunidade de Alaxe.
Neste sentido, o delegado afirmou que os GDR non só impulsan aos concellos nos que están asentados cos investimentos produtivos, senón que tamén poden facer investimentos máis sociais, como é o caso deste centro, que “será un activo para a dinamización social, cultural e lúdica do barrio”.
Os GDR, sinalou Balseiro, “como entidades colaboradoras na xestión dos fondos Leader en Galicia, axudan a crear emprego nos concellos nos que están asentados e tamén financian a mellora de dotacións e servizos”.
En definitiva, engadiu, “son un instrumento fundamental para acadar o desenvolvemento rural: mellorando a calidade de vida da poboación máis envellecida, fomentando o emprendemento e achegando servizos básicos á poboación rural”.