Lugo, 17 de decembro de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, recolleu este domingo o premio á Mellor Colaboración Institucional 2017, que outorga a Federación Galega de Piragüismo, e que este ano comparten a Deputación de Lugo e a de Pontevedra. Este galardón recoñece o traballo e o esforzo das dúas administracións en prol deste deporte, apoiando a práctica e a promoción do piragüismo nas provincias de Lugo e Pontevedra. Rivera Capón subliñou que “o noso compromiso co deporte da piragua é firme, motivo polo que investimos 220.000 euros na presente anualidade para:
– Poñer en marcha o Programa de promoción provincial do piragüismo, que inclúe o impulso deste deporte nos centros educativos, asesoramento técnico aos clubs, xornadas e cursos de formación; así como a cesión da Escola Provincial dos Robles que agora xestionan directamente os equipos lucenses, pois son eles os que mellor rendemento poden sacarlle;
– A construción dun novo hangar de piraguas no Concello de Foz, habilitando un novo espazo con capacidade para máis de 100 embarcacións, e poñendo fin as deficiencias coas que contaba o club;
– Axudas para os gastos da tempada dos equipos; e 15 bolsas para piragüistas da provincia;
– Así como, a organización de campionatos, como a Liga Provincial e o Galego de Inverno, e probas históricas como o Descenso Internacional do Miño ou a Travesía de Foz, entre outras”.
O Deputado de Deportes agradeceu o galardón e destacou que “este recoñecemento supón un broche de ouro para un ano no que a Deputación de Lugo estivo ao carón dos seus deportistas e, como non, de todos os veciños que practican deporte por ocio e paixón. Consideramos que investir en deporte é investir no benestar de todos os nosos veciños e veciñas. E, por iso, podemos presumir de ser a administración que máis recursos destina á practica deportiva na provincia de Lugo, coa dotación e renovación de infraestruturas, ou con liñas de axudas que inclúen criterios obxectivos e sociais, para fomentar a igualdade e a plena inclusión a través do deporte”.
“Creo que é de xustiza salientar que este recoñecemento non sería posible sen o traballo conxunto e a implicación dos sete clubs lucenses: Club Deportivo San Ciprian; Club Piragüismo Cidade de Lugo; Club Fluvial de Lugo; Club Kayak de Foz; Club Piragüismo Viveiro; Club Piragüismo Altruan de Ribadeo e Club Montaña Quixós de Monforte de Lemos. gustaríame felicitar aos clubs e veciños lucenses que hoxe foron premiados: Club Fluvial, Cidade de Lugo e Kayak de Foz, tres primeiros clasificados da Liga Provincial; o Club Quixós, 3º clasificado da Copa promoción de Slalom; Cristian Toro, mellor deportista masculino sénior; e José Antonio ‘Mus’, insignia de ouro, pola súa labor como adestrador do Fluvial. Debedes saber que é un orgullo para a nosa provincia contar con embaixadores da vosa talla, pois sodes unha referencia no mundo do piragüismo, e un exemplo para todos nós. Dende a Deputación de Lugo seguiremos a apoiarvos para que os vosos éxitos redunden no éxito de todos os lucenses”.
Un programa pioneiro en Galicia
O Executivo Provincial asinou un convenio coa Federación Galega de Piragüismo por valor de 212.500 euros, divididos en tres anualidades, para o desenvolvemento do Programa de promoción provincial do piragüismo, co obxectivo de promover a práctica desta modalidade deportiva na provincia de Lugo, a través dos sete clubs lucenses. Estes son: Club Deportivo San Ciprian; Club Piragüismo Cidade de Lugo; Club Fluvial de Lugo; Club Kayak de Foz; Club Piragüismo Viveiro; Club Piragüismo Altruan de Ribadeo e do Club Montaña Quixós de Monforte de Lemos.
Este convenio busca achegar o piragüismo á poboación escolar e adulta da provincia de Lugo, mediante o desenvolvemento de actividades específicas e coa posta en común de medios e persoal cualificado. En 2017 destinaranse 42.500 euros; en 2018 serán 85.000 euros, e en 2019 outros 85.000 euros. Este orzamento permitirá levar a cabo diferentes accións, entre as que se atopan as seguintes:
1. Actividade de promoción nos centros educativos a través da campaña escolar “Deporte Educación” coa finalidade de aumentar a base de usuarios da actividade, vinculándoa cos clubs existentes na provincia de Lugo e a creación de novos clubs.
2. Desenvolvemento do programa federado, consistente no asesoramento técnico nos procesos de adestramento aos clubs da provincia de Lugo, realización do control e seguimento destes procesos e dos resultados competitivos e académicos aos padexeiros da provincia a través de visitas aos clubs e concentracións.
3. Desenvolvemento de xornadas técnicas, cursos de formación e toda a acción docente precisa para formar aos técnicos existentes nos clubs.
Ademais, a Deputación puxo a disposición deste proxecto a Escola de Piragüismo Provincial, para que cumpra a función de plataforma de divulgación e promoción da práctica do piragüismo na provincia e contribúa na captación de futuros padeeiros e na consolidación dos clubs da provincia. Así, agora son os propios clubs os que xestionan directamente a escola, situada no entorno de Os Robles, unha iniciativa pioneira.
Axudas para os 7 clubs da provincia e 15 piragüistas lucenses
Por outra banda, o Executivo Provincial achegou 18.000 euros aos 7 clubs de piragüismo da provincia a través da súa liña de axudas de concorrencia competitiva. A estas hai que sumar as bolsas que ofreceu o Goberno da Deputación aos deportistas individuais lucenses. Así, na modalidade de piragüismo concedéronse un total de 15 axudas, por un valor total de 7.762 euros, que representan o 11.5% do total.
Organización de campionatos e probas
Así mesmo, o Executivo lugués volveu a ser un ano máis o principal patrocinador da VII Liga Provincial de Piragüismo, que se disputou entre os meses de abril e setembro nos Concellos de Lugo, Ribadeo, Cervo e Viveiro, cunha achega económica de 20.000 euros para promover o deporte base, ademais de desestacionalizar o turismo e incentivar a economía nestes municipios.
En total celebráronse seis probas, nas que participaron de media unhas 250 persoas, organizadas polos seis clubs que participan na competición, é dicir: Club Fluvial, Club Cidade de Lugo, Club Piragüismo Altruan, Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Viveiro, Club Kayak de Foz.
Do mesmo xeito, o organismo provincial foi o principal patrocinador do Campionato Galego de Inverno, que tivo lugar en marzo no encoro de Belesar ao seu paso pola localidade de Taboada, cunha achega económica de 9.000 euros para promover o deporte base, ademais de incentivar o turismo e economía da zona, posto que a proba deportiva reuniu a máis de 1.000 persoas entre participantes e espectadores.
Ademais destes campionatos, dende o Goberno da Deputación promoveuse a celebración de dúas citas históricas como o 61 Descenso Internacional do Miño e a 55 edición da Travesía de Foz. A proba do Miño reuniu a 400 palistas de 28 clubs chegados de toda Galicia, o que supuxo un novo récord de participación. En total foron 308 embarcacións as que competiron nesta nova edición do Descenso, a segunda proba de piragüismo máis antiga de España e un referente do piragüismo galego. O organismo provincial realiza unha achega anual de 15.000 euros para a organización de diferentes actividades deportivas na provincia a través do Club Fluvial de Lugo, entre as que se atopa este Descenso Internacional do Miño.
Mentres que a proba focense reuniu a preto de 500 palistas chegados de toda a xeografía galega e de Asturias. O Goberno da Deputación achegou 7.000 euros para a celebración da Travesía de Foz, a terceira proba deste tipo máis lonxeva de España e a segunda de Galicia, posto que se organizou por primeira vez no ano 1962 e, dende entón, veuse disputando de maneira ininterrompida ata a actualidade.
Novo hangar de piragüas de Foz
Por último, o Executivo Provincial dotou dun novo hangar de piraguas ao Club Kayak de Foz, financiando a construción destas instalacións en solitario con 100.000 euros.
Deste xeito, deuse resposta a unha vella demanda do Club, habilitando un novo espazo con capacidade para máis de 100 embarcacións, e poñendo fin as deficiencias coas que contaba o club, que impedían a mellora do seu rendemento competitivo
O novo edificio, que se construíu anexo ás antigas instalacións, ten unha superficie de 480 metros, con capacidade para 116 embarcacións de tipo K-1, permitindo o pleno desenvolvemento das labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña, e cubrindo a demanda de espazo existente debido ao elevado número de usuarios desta modalidade deportiva.




















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.
