Ribadeo, 1 de marzo de 2018. O Concello emitiu un Bando no que anuncia que o 19 de marzo comezará a recollida porta a porta dos plásticos agrícolas.
Esta recollida levarase a cabo desde o 19 de marzo e durante os días que sexan necesarios para atender todos os avisos de recollida recibidos en tempo e forma. A empresa que levará a cabo este traballo é Soluciones Integrales para el Medio Ambiente, transportista profesional de residuos autorizado pola Xunta de Galicia.
O Concello de Ribadeo comunica que “para asegurar que o servizo se preste nas condicións idóneas, todas as explotacións que precisen a recollida procurarán ter os plásticos en lugar adecuado e facilmente accesible para o camión de recollida”.
As solicitudes para a recollida de plásticos agrícolas nas explotacións deberán presentarse nas dependencias do Concello de Ribadeo ou a través do teléfono 982 120 701 en horario habitual ata o 16 de marzo.
Dende a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo agradecen “a máxima colaboración posible no desenvolvemento deste servizo, principalmente á hora de dispoñer convenientemente os plásticos no lugar de recollida”.