Lugo, 12 de abril de 2018- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, presidiu esta mañá a reunión da Comisión provincial de Tráfico e Seguridade Vial na que se presentou e analizou o balance de sinistralidade correspondente ao ano 2017. Así, na pasada anualidade houbo que lamentar nas vías interurbanas da provincia un total de 16 vítimas mortais, o que supón 11 vítimas menos que no ano anterior.
No que vai deste ano, rexistráronse catro falecidos nas estradas lucenses, dous en accidentes acontecidos en vías interurbanas e dous en tramos urbanos.
OS SINISTROS
Na xuntanza desta mañá, a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, fixo unha análise pormenorizada dos sinistros mortais rexistrados nas vías interurbanas da provincia ao longo do pasado ano. Neste senso, lembrou que máis do 87% deses accidentes se rexistraron en vías convencionais (con 14 falecidos) e o resto en autovías (2). En canto ao tipo de accidente, a meirande parte dos sinistros con falecidos foron saídas de vía (con 10 vítimas), seguidos das colisións frontais e das colisións laterais ou frontolaterais.
O 43,7% dos accidentes mortais tiveron lugar nos meses de maio e xuño, e das 16 persoas falecidas, 12 eran varóns. A meirande parte das vítimas viaxaba en turismos (10). Outras 3 vítimas mortais circulaba en camións, un dato que contrasta co ano anterior, cando non houbera ningún falecido en sinistros neste tipo de vehículo. O ano pasado houbo ademais que lamentar 1 falecido en atropelo, mentras que non se rexistrou ningunha vítima en sinistros de motocicletas ou ciclomotores.
CAUSAS CONCORRENTES
Dende a Xefatura provincial de Tráfico lembraron que é complicado determinar as causas exactas dos accidentes de tráfico, ao concorrer xeralmente varias ao mesmo tempo. De todos os xeitos, referíronse á conducción distraída ou desatenta e á velocidade inaxeitada como os factores que máis se repiten. Citaron tamén o cansancio ou sono e o consumo de alcohol ou drogas como circuntancias presentes nalgúns dos sinistros mortais rexistrados na provincia.
Os representantes de Tráfico insistiron ademais na obrigatoriedade de facer uso dos dispositivos de seguridade nos vehículos, e lembraron que das 16 persoas falecidas en accidentes en vías interurbanas da provincia o ano pasado, 5 non facían uso do cinto de seguridade.
CENSO DE CONDUTORES E PERMISOS
A provincia de Lugo conta con máis de 6.440 quilómetros de rede viaria de distinta titularidade. En canto ao censo de condutores, segundo os datos da Xefatura Provincial de Tráfico, a decembro de 2017 había vixentes 215.289 permisos e 583 licenzas (permiten guiar vehículos para persoas con mobilidade reducida ou vehículos especiais autopropulsados agrícolas, por exemplo).
No tocante ao parque de vehículos, na provincia están matriculados 271.889 vehículos convencionais. Deles, o 72,6% son turismos, o 15,39% furgonetas e camións, o 16.587 motocicletas e o 2,1% remolques ou semirremolques.
PLAN DE EDUCACIÓN VIAL
No encontro celebrado hoxe deuse conta ademais das actuacións levadas cabo polos efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil e deuse conta da creación dunha subcomisión que tén como obxectivo a posta en marcha e implantación do plan provincial de Educación Vial, enmarcado no Plan Estatal de Educación Vial.
Esta subcomisión terá como obxectivo fomentar a colaboración entre todas as administración e outras organizacións públicas e privadas. Así mesmo, serán o marco no que debater as accións que se desenvolverán en relación ao traballo que a Dirección Xeral de Tráfico xa fai para reducir a sinistralidade nas estradas.
INTEGRANTES DA COMISIÓN
A Comisión provincial de Tráfico e Seguridade Vial é un órgano colexiado, de carácter consultivo, que se convoca para analizar os datos de sinistralidade na provincia ao longo dun período, así como para estudar posibles medidas a executar co ánimo de reducir o número de accidentes e de falecidos nas estradas. A Comisión está integrada por representantes de distintos organismos da Administración do Estado, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Fegamp, con competencias en materia de seguridade vial, sexa como titulares das vías ou como responsables da vixianza e a xestion do tráfico.
Na xuntanza desta mañá participaron, ademáis do subdelegado, a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, José Miguel Martínez; o xefe suplente da Unidade de Estradas do Estado na provincia, Eduardo Toba; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro; o enxeñeiro do Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial, Fernando Planas; e o xefe da Policía Local de Lugo, Manuel Méndez, entre outros.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



