Lugo, 7 de setembro de 2018. A TIC da Deputación ofrece 1.165 prazas nos 87 cursos e obradoiros que impartirá na sede do InLugo no último trimestre de 2018, ás que haberá que sumar o número de veciños que participen nos cursos cos que se achegarán as novas tecnoloxías ao rural. Así o anunciou este venres o Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos Conde, na presentación da nova programación, para a que xa está aberto o prazo de inscrición en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186.
Campos Conde, que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, dixo que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”.
Éxito dos cursos no rural
O máximo responsable provincial anunciou que “esta tempada volveremos desprazarnos pola provincia, logo do éxito rotundo dos cursos que se impartiron en diversos Concellos no anterior trimestre”. Nesta ocasión, as accións formativas levaranse a cabo nas últimas semanas de setembro e outubro.
“Para min é moi gratificante comprobar como os maiores do rural se animan cada vez máis a manexar o móbil e o ordenador. Tanto a Internet como diversas aplicacións son especialmente útiles para as persoas que viven soas ou en localidades dispersas, unha situación na que están moitos lucenses maiores. Por iso, nesta edición achegaremos de novo as novas tecnoloxías aos veciños do rural para que non teñan que desprazarse do seu municipio de residencia”, apuntou Campos Conde.
Novidades do trimestre
O Presidente da TIC avanzou que “este trimestre haberá varias novidades, co obxectivo de atender as demandas dos usuarios e actualizar coñecementos xa que, no caso da novas tecnoloxías, os contidos cambian con moita rapidez”. Nesta tempada haberá, por exemplo, un segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Tamén haberá por primeira vez un curso de retoque e composición de fotografía en ordenador, que se suma ao que xa hai no móbil.
Ademais, atendendo ás demandas dos usuarios, incrementarase o número de talleres de memoria, entre os que haberá un coa consola Xbox, e dentro da programación habitual terán moito peso os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, cun gran número de seguidores.
Inscricións
O Presidente provincial aconsellou ás persoas interesadas en participar nestas accións formativas a que se apunten canto antes, xa que as prazas quedan cubertas habitualmente ás poucas horas da apertura de prazo de inscrición.