- A Catedral de Mondoñedo activa unha audioguía infantil
Na súa confección colaborou Óptima Cultura. A presentación será este venres, 27 de febreiro, ás 11.30 na propia Catedral.
- 'O proceso' de Malasombra Teatro, este sábado 28 de febreiro, no Pastor Díaz de Viveiro
Unha comedia orientada para público adulto dirixida por Cándido Pazó. Hora: 20.30. Sipnose: 1880, Curros Enríquez é denunciado polo bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra, un dos piares do Rexurdimento Galego. A pesar da opinión contraria do fiscal, un xuíz dá curso á denuncia e o célebre escritor é procesado e condenado.
- El Oviedo recupera o seu programa cultural cunha proposta gastronómica que homenaxea a Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro
Coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía e da morte de Cunqueiro, o restaurante ribadense ofrece unha versión do Caldo de Gloria e dous pratos inspirados na obra gastronómica do mindoniense —empanada e ostras en escabeche— como forma de achegar a literatura galega á mesa.
- Navia reforza o legado de Ramón de Campoamor
O Concello de Navia presenta este sábado 28 de febreiro, ás 12:00 h no Casino, o libro Tras las huellas de Campoamor en Alicante, de Luján Martínez Suárez. Ademais, adquiriu un valioso volume da RAE de 1865, que inclúe un discurso seu orixinal. O exemplar incorporarase á Biblioteca Municipal, ampliando o fondo dedicado ao poeta.
- Volven os Guateques de Arruguiñas a Cervo
O Dúo Eclipse será o encargado de poñer a música nunha nova tarde-noite chea de ritmo, baile e bo ambiente no Guateque de Arruguiñas. A cita é este sábado, 28 de febreiro na Casa do Mar de San Cibrao ás 19:30 h. Ademais, o alumnado de 2º de Bacharelato, en colaboración coa Oficina de Voluntariado Xuvenil, ofrecerá bingo e chocolate para completar a festa. O evento conta tamén coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
- O sábado 28 de febreiro, ás 14:30 horas, celebrarase no Centro sociocomunitario de Ribadeo (detrás do Concello) o Día de Rosalía cun xantar de confraternización: o tradicional Caldo de Gloria, organizdo pola A.C. Francisco Lanza
O Restaurante Oviedo-2 será o encargado de elaborar o caldo, o compango e as filloas de sobremesa. O acto incluirá tamén lectura de poemas e música, coa participación de Eli García-Bouso, que interpretará algunhas pezas inspiradas en Rosalía de Castro. O prezo do xantar será de 15 euros para socios/as e 20 euros para non socios/as. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a agrupacionfranciscolanza@gmail.com ou mediante unha mensaxe de WhatsApp ao 699 809 606.
- O XVIII Campionato Internacional de Baristas e o XIII Campionato Internacional de Catas de Café, que se celebran do 25 ao 27 de febreiro no IES de Foz, serán os protagonistas do programa provincial, Voces de Lugo, de RadioVoz, que se emitirá desde o centro este xoves
Neste espazo radiofónico, de 12 a 14 horas, Félix Jorquera falará coa directora do IES de Foz, Leticia Maseda, co coordinador do evento, José Ríos, así como con alumnado e profesorado participante e moi implicado nos Campionatos Internacionais de Baristas e Catas de Café, que estes días enchen Foz de xente e de aroma cafeteiro.